RESULTADOS 100%: A CENTRAL NACIONALISTA REFORZA A LIDERANZA E BAIXAN COO E UGT

CIG avanza e obtén o 46,2% da representación no ensino non universitario

Concentracion da CIG Ensino diante da Consellería

A CIG acada a maioría absoluta na provincia da Coruña e na de Pontevedra.Tamén é a primeira organización sindical en Lugo e en Ourense. Obtivo 63 delegad@s, un máis que hai 4 anos malia que nesta cita escollíanse 6 representantes menos.

 

A CIG continúa a ser a forza sindical con máis apoio no profesorado galego, segundo se tira do escrutinio das eleccións no ensino non universitario realizadas esta quinta feira. A CIG-Ensino gaña e incrementa a súa representación e a porcentaxe de delegados e delegadas e votos, pasando do 43.5% do 2010 ao 46.24% actual en toda Galiza. A segunda forza sindical, CC OO, ficou a unha grande distancia da central nacionalista ao conseguir apenas o 15,3% dos votos. A participación foi alta: o 70% dos 30.336 docentes exerceron o seu dereito ao voto, isto é, un total de 20.901 profesoras e profesores.

O profesorado galego respaldou, mais unha vez, o sindicalismo nacionalista como primeira forza nas aulas do país. A vitoria da CIG haina que interpretar tamén en termos de claro castigo ás políticas da Consellaría de Educación. CIG-Ensino foi referente durante os últimos catro anos do combate contra as medidas privatizadoras, elitistas, españolistas e sexistas do departamento dirixido por Jesús Vázquez. O veredicto das urnas non deixa lugar a dúbidas a respeito de que esta política de oposición á Consellaría atopa un claro apoio por parte da maioría das persoas docentes.

A central nacionalista é primeira forza nas aulas galegas co 46,24%, mentres que CC OO fica como segunda co 15,3%

A CIG-Ensino acada a maioría absoluta na provincia da Coruña con 23 delegados e delegadas e na de Pontevedra con 21, que representan o 80% do profesorado. A CIG-Ensino tamén é a primeira organización sindical en Lugo con 10 delegados e delegadas e en Ourense con 9 delegados e delegadas.

Se compararmos os resultados cos rexistados nos comicios de 2010, o reforzamento da maioría da CIG (63 delegados) contrasta coa caída de CC OO e UXT, mentres que o STEG perdería un, o CSIF incrementaría significativamente a súa representación (de 3 a 10). ANPE, a lista afín ao PP, ficaría con 18, 1 menos.

 A CIG obtería 63 deleged@s, un máis que hai catro anos mais tendo en conta que agora se escollían 140 e non 146

En declaracións a Sermos Galiza, o secretario nacional de CIG-Ensino, Anxo Louzao, cualificou os resultados da central nacionalista de “extraordinarios” e un “aval” ao labor desta central, ben como unha mostra do claro “rexeitamento” que produce entre o profesorado a política da Xunta de Galiza.

“O conselleiro ten que tomar nota e abrir unha negociación coas traballadores e os traballadores do ensino, visando obxectivos concretos, entre eles a restitución dos direitos laborais e salariais do profesorado, o despregamento duns cadros de persoal amplos nos centros, a redución do alumnado por aula, a elaboración dun estatuto galego do profesorado”, di Louzao.

Aliás, argumenta o secretario nacional da CIG-Ensino, no horizonte estaría a aprobación dunha Lei Galega de Educación que a efeitos práticos derrogue a LOMCE  e resulte na galeguización do ensino, na eliminación dos concertos educativos e na conquista dun ensino público totalmente gratuíto e equitativo para o cal, acha a central nacionalista, compriría destinar á educación non menos do 7% do PIB galego.

Nun comunicado de valoración dos resultados, a central nacionalista entenden que estas eleccións “reafirman e fortalecen a CIG-Ensino como a organización sindical maioritaria e de referencia no ensino público, grazas ao apoio amplamente maioritario do profesorado”,

CIG-Ensino quer agradecer “publicamente” a “confianza e apoio” que profesoras e profesores “veñen de aosar co seu voto maioritario” a esta opción nacionalista, para a cal “estes resultados afianzan o modelo sindical galego de clase, plural, democrático e participativo, próximo ao profesorado e que aposta por un ensino público, galego, gratuíto, laico e coeducativo”.

Número de delegad@s segundo os resultados provisorios (dados facilitados pola CIG)

 

 

CIG

ANPE

CCOO

UGT

CSIF

STEG

A CORUÑA

 

23

4

7

3

3

5

PONTEVEDRA

 

21

3

5

5

3

4

OURENSE 

9

5

8

3

0

2

LUGO

 

10

5

2

4

4

2

TOTAIS

63

17

22

15

10

13