A CIG urxe Alcoa para que realice o estudo sobre a balsa de residuos

A balsa, de 100 metros de alto, ten capacidade para 28 millóns de metros cúbicos de lamas tóxicas.(Foto: Nós Diario).
A central nacionalista alerta de que “non está garantida que a Xunta acepte como válido” se non hai outro estudo. Esta segunda feira, ademais, o Comité de Navantia Ferrol traslada as demandas ao Goberno español.

A sección sindical da CIG en Alcoa San Cibrao, no concello de Cervo (A Mariña) emitiu esta segunda feira un comunicado no que denuncia que “cumprido o prazo de dúas semanas logo da reunión da mesa técnica coa Xunta da Galiza para a ampliación do Depósito de Barros vermellos (DVR), Alcoa aínda non decidiu se vai a realizar un novo estudo para caracterizar os residuos como non perigosos".

A central nacionalista alerta de que ante esta situación, “non está garantida que a Xunta queira aceptalo como válido”. Ademais, din, “segundo a información recibida polo Comité, a Xunta tampouco concreta todas as implicacións que supón pasar a ser residuo perigoso”. 

Por último, no comunicado afirman que “de aceptar Alcoa agora a cualificación por parte da Xunta como residuo perigoso, unha posíbel revisión da clasificación a posteriori sería difícil”. Ante esta situación, a central nacionalista exixe a Alcoa “que aprobe a inversión xa en xuño, antes de ter a categorización da Xunta” posto que, avisan, "se non comezan as obras rematarán fóra de prazo, o que obrigaría a manter a actual produción que a propia multinacional di que dá perdas”

Navantia Ferrol

Tamén esta segunda feira, integrantes do comité de empresa de Navantia Ferrol trasladaron ao delegado do Goberno español, Pedro Blanco, cales son as súas demandas na actual negociación do convenio colectivo e do plan industrial.

O presidente do comité de empresa, Carlos Díaz (MAIS), detallou que, entre as cuestións que se trataron están hai "dúas mesas pendentes de avanzar, unha a do convenio colectivo e outra a do plan estratéxico ou plan industrial".