Citroën impide a entrada a un médico de confianza dos operarios en folga de fame

A CIG critica a medida da empresa e anuncia que intensificará a campaña de denuncia da “política represiva” que, afirma, impera na factoría viguesa.

A CIG anunciou que vai intensificar a campaña de denuncia da “política represiva” de Citroën. Así o manifestou o secretario xeral Suso Seixo tras a manifestación de centos de delegados da central nacionalista que percorreron Vigo para reclamar a readmisión dos despedidos e apoiar os folguistas.

O sindicato denuncia que Citroen segue a impedir a entrada dun médico e dunha enfermeira de confianza ás instalacións para que poidan avaliar o estado de saúde dos traballadores en folga de fame.

Comités de empresa de empresas de todo o Estado están a enviar comunicados de apoio aos folguistas

Seixo salientou a disposición da sección sindical da CIG en Citroën a manter a folga de fame até que os compañeiros sexan readmitidos. Incidiu en que “non é casual” que a empresa estea a tomar este tipo de decisións nun contexto no que está a acelerar os ritmos de traballo e a precarizar as condicións laborais. “A empresa síntese forte porque conta coas políticas que están a aplicar os Gobernos do PP precisamente en defensa dos seus intereses”, manifestou

O secretario xeral da CIG comentou que os contactos coa dirección están pechados e asegurou que “o único que sabemos é que dende o departamento de Recursos Humanos lles dixeron que abandonen a protesta que xa ían revisar os mecanismo sancionadores; pero nós non queremos palabras, queremos feitos, e os feitos son que se readmitan os despedidos”

Intensificar

A campaña da CIG contra a política represiva de Citroen terá unha cita este martes día 15 cunha nova manifestación que partirá dende a Praza de América ás 20.00 horas e rematará na entrada principal de Citroen. Por outra banda, a solidariedade cos despedidos e coa folga de fame continúa a chegar en forma de comunicado dende os comités de empresa e das seccións sindicais de numerosas empresas de todo o país e mesmo doutros puntos do Estado español.