Citroën leva unha semana sen cumprir a súa promesa de dialogar sobre os despidos

Citroen CIG manifestacion

A CIG retomou as concentracións en demanda da readmisión de dous traballadores, que suspendeu uns días ante o anuncio dunha negociación coa empresa que aínda non se produciu.

A CIG celebrou o venres a terceira concentración diante de Citroën, en Vigo, para reclamar a readmisión dos dous traballadores despedidos dende que o pasado luns decidira retomar as protestas ante a negativa da empresa a dialogar. O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, confirmou que a central levará o conflito até as últimas consecuencias e salientou o “exemplo de dignidade” que están a dar os afectados.

Suso Seixo, líder da central nacionalista, destacou o "exemplo de dignidade que están a dar os afectados"

Este luns cúmprese unha semana dende que a CIG decidiu retomar as concentracións ás portas da fábrica de automoción en Vigo tras suspendelas temporalmente coa esperanza de que a dirección accedese a manter unha xuntanza para abordar unha solución ao conflito laboral motivado polos despedimentos.

O inicio do conflito remóntase ao pasado 1 de xullo, cando a sección sindical decidiu comezar unha folga de fame tras coñecer os despidos. A central nacionalista tomou a decisión tras desenvolver unha protesta diante da sede do Grupo PSA Peugeot-Citroën en Madrid e despois de que a responsábel de Recursos Humanos lles respondese á petición de reunión asegurando que a política da transnacional francesa impide a apertura de negociacións cando hai protestas convocadas.

Deste xeito, a CIG optou por suspender as mobilizacións o mércores 27 de agosto e anunciou que as retomaría a partir do luns seguinte no caso de que non se produciran os contactos. Transcorrido ese tempo, e visto que a dirección de Citroën non accedeu a manter as conversas, o pasado luns día 1 retomáronse as concentracións, aínda que nesta ocasión pasan de ter periodicidade diaria a celebralas os luns, mércores e xoves