Entrevista

Clara Munguambe: "Os homes non nos van entregar o poder nas mans"

'Nós Diario' conversa sobre o feminismo e a organización das traballadoras coa sindicalista mozambicana Clara Munguambe, presidenta do Secretariado das Mulleres da Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa (CSPLP), que hoxe realiza o seu I encontro na Galiza, nun foro organizado pola CIG.
A dirixente sindical Clara Munguambe, esta quinta feira, na redacción de 'Nos Diario'. (Foto: Arxina)
photo_camera A dirixente sindical Clara Munguambe, esta quinta feira, na redacción de 'Nos Diario'. (Foto: Arxina)

—Cales son os principais desafíos que enfrontan as traballadoras de Mozambique?
A violencia sexual, a precariedade, a informalidade do emprego... son desafíos que nos preocupan. Temos unha nova lei de traballo que entrou en vigor en febreiro, mais non basta a lei, precísase da súa aplicación efectiva. A nosa obriga é facer valer a lei e capacitar e educar os nosos membros para que coñezan estes instrumentos. Estamos hoxe na Galiza un grupo de países, imos compartir experiencias e queremos tomar eses exemplos, coller esas boas prácticas e adaptalas ás diferentes realidades.

—Leva participando da loita sindical desde os anos 90, na súa experiencia que mudou nas últimas décadas?
A loita sindical está sendo progresiva e está a dar resultados. As persoas traballadoras conseguen reunirse en colectivos, mesmo con barreiras. Aínda existen empresas que non aceptan a creación dun comité sindical, mais nós organizamos as traballadoras e os traballadores en pequenos grupos nos que discutir. Aínda así, na loita sindical os desafíos son maiores. A lei de traballo recoñece o dereito de asociación, mais a traballadora, nalgún momento, xa non quere ser sindicalista porque teme perder o emprego. Cando as empresas perciben que esa persoa está no sindicato, perséguena. A nosa responsabilidade é ter todo o grupo traballador constituído no comité sindical porque só en maioría podemos vencer. No momento no que sexamos poucos, as empresas continuarán a impor as leis, as normas, a crear regulamentos desfavorábeis.

—En Mozambique, a lei recolle a obriga de que homes e mulleres perciban o mesmo salario, mais os sectores máis feminizados, como o da agricultura, son os que presentan os salarios mínimos máis baixos.
As leis son bonitas. Salario igual para traballo igual. Na práctica a muller continúa a recibir menos que o home. E, ademais, atopámonos o maior número de traballadoras nos sectores desfavorecidos, onde a muller non ten moita protección, onde está no campo e o home é o capataz. Hai moita muller no sector informal da economía. Un exemplo, na agricultura o salario mínimo é de máis ou menos 100 dólares. Que son 100 dólares para unha familia? Isto trae un desafío. A muller despois do traballo debe facer un traballo extra para aumentar a renda e ademais outras actividades para o ben da familia.

É importante formar a muller para que non fique no traballo precario e, sobre todo, as empresas deben cumprir a aplicación do salario mínimo. Por isto tamén hai que formar as traballadoras, porque nalgún momento, por non coñecer, acaban aceptando que os seus dereitos sexan violados. Nós educamos, sensibilizamos e motivamos para que a muller coñeza con claridade os seus dereitos porque só así se van reducir as inxustizas.

—Cales son as conquistas que destacaría do Secretariado das Mulleres nos últimos anos?
Temos o exemplo desta reunión. Este secretariado da muller é moito máis visíbel e estamos a atraer máis membros. Isto é unha vitoria e a nosa causa non remata aquí porque se non coñecemos os nosos dereitos, non seremos visíbeis. Os homes non nos van entregar o poder nas mans. Queremos estar representadas. No pasado, os homes facíannos recomendacións e nós tiñamos que aplicalas.  Iso non pode funcionar. Para cambiar as cousas tes que presencialas, vivilas e coñecelas. Nós insistimos en que as mulleres continúen sendo representadas para reflectir con maior coñecemento as preocupacións das traballadoras.

Un foro na Galiza cun obxectivo común

Galiza acolle hoxe por primeira vez unha reunión da Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa. O foro conta cun seminario dedicado ao Secretariado das Mulleres. Para Clara Munguambe, esta reunión do Secretariado merece un "gran mérito para a Galiza" pois, contando coa "vantaxe de estar case a final de ano" posibilitará ter en conta as consideracións que aquí se fagan para a elaboración dos plans do ano 2025. Así mesmo, Munguambe destaca que "na loita sindical cada país ten as súas características, mais o obxectivo é común".

Así, a presidenta do Secretariado das Mulleres  da CSPLP entende que "non se pode falar da Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa de forma singular, pois somos un conxunto cun principio, a xustiza, a unión e a solidariedade. Iso é o que nos une".

Comentarios