“Co crowdfunding queremos impedir que a asfixia económica acabe coa greve”

O persoal do 112 impulsa unha campaña de financiamento colectivo para axudar a manter economicamente un paro que vai camiño dos 50 días e que supón para os traballadores un importante custo económico. “Malia ser duro tantos días de greve, mantemos o animo alto”, indica Isabel Moares, presidenta do comité 112.

Os traballadores do 112 van camiño dos 50 días de greve. Nin o cansanzo destes case dous meses de paro, nin o impacto dunha loita prolongada nas súas economías familiares nin a indiferencia da administración (“desde o 14 de febreiro sen reunirse con nós”) dobregan o colectivo en greve. “Manter unha greve indefinida non é doado”, confesa en conversa con Sermos Galiza Isabel Moares, presidenta do comité do 112. “Non é doado mais a moral mantémola alta”.

Agora, a Asemblea de Traballadores e Traballadoras do 112 pon en andamento unha campaña de financiamento colectivo, crowdfunding, coa que pretende recadar fondos para garantir a continuidade da súa loita. É a primeira vez que se lanza unha inciativa destas característica, no Estado español, para manter un paro prolongado como este, salientan. “Queremos impedir que a greve teña que acabar por unha cuestión de asfixia económica”, explica Moares. Estas semanas de greve deixan importantes perdas salariais nos petos de traballadores cuxo soldo medio xa é de por si ‘axustado’.

Comezaron a greve o pasado 15 de abril, en protesto pola ‘”deslocalización” do persoal de Compostela a A Estrada, apenas 30 quilómetros. Mais neses 30 quilómetros hai moito. Para empezar, un prexuízo máis que considerábel a traballadores con salarios ‘axustados’ e para os que facer fronte ao gasto de desprazamento suponlle  14% do salario. A seguir, que a nova plataforma coa que teñen que traballar acumula erros e fallos, provocando un importante deterioro do servizo que se presta. Algo que denuncian estes traballadores e foi corroborado e respaldado por diferentes colectivos de emerxencias. “A plataforma non hai por onde collela”, insiste Moares. “bloquéase, desaparece información, non podemos facer o traballo...”. Millóns de euros investidos no centro da Estrada axudas europeoas... e o servizo presenta máis deficiencias agora que cando se prestaba desde Compostela.

Os traballadores en folga lembran que a administración leva sen reunirse con eles, malia as numerosas solicitudes e peticións nese sentido, desde o 14 de febreiro, vai para tres meses. “Imos dar o paso de intentar manter unha reunión con eles”. Mentres, manteñen as diferentes mobilizacións e protestos ao tempo que aturan desplantes como que ao comité de greve lles dificulten acceder ás instalacións.