O comercio de Guitiriz e comarca farán un paro parcial en apoio da greve dos traballadores do Balneario

O cadro de persoal está en folga indefinida polo impagamento de varias nóminas. Denuncian a falta dunha boa xestión do Hotel e instan a xerencia a ter “altura de miras”.

Os traballadores do Hotel Balneario de Guitiriz protagonizan unha greve indefinida e parcial (catro horas cada día) polo impagamento de varias nómimas por parte da empresa, unha situación que achacan “ á falta dunha boa dirección e dunha xestión axeitada” do Hotel. Para esta terza feira, día 28, o comercio de Guitiriz e da comarca están chamados a un paro parcial dunha hora, de 10.00 a 11:00 horas, en solidariedade e apoio ao medio cento de empregos do Balneario.

O cadro de persoal pide á xerencia que negocio cos responsábeis dos proxectos e propostas existentes que pretenden unha revitalización do Hotel, iniciativas que, sinalan, “xa coñecen algúns dos traballadores”. Propostas que apostan no termalismo e a saúde como alicerces para desenvolver na semana e combinando cos servizos e alternativas de fin de semana (lecer, deporte, descanso).

Nun comunicado, os traballadores avogan pola“contratación dunha persoa con capacidade de xestión e dirección capaz de desenrolar un plan de viabilidade para o hotel. E solicita da dirección actual unha solución para os problemas de liquidez que sofren os seus traballadores para poñelos ó corrente nos seus salarios”.

Tamén pide “altura de miras” aos acredores, como Abanca, para permitir a continuidade e viabilidade do negocio hoteleiro en Guitiriz.