O comité de empresa de Alcoa pide rebaixar o prezo da enerxía
O comité de empresa de Alcoa San Cibrao (Cervo), mantivo unha reunión por videoconferencia onte co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e o conselleiro de Economía, Francisco Conde, na que coincidiron en urxir o Goberno medidas para conseguir un prezo competitivo para empresas electrointensivas con rebaixas do prezo da enerxía ante a situación "límite" que viven.
Representantes sindicais da empresa mostraron a súa preocupación pola decisión da multinacional de parar as cubas que cheguen ao final da súa vida útil sen realizar o proceso para un posterior arranque. Avisan de que o impacto da COVID-19 fai que conseguir un prezo competitivo para producir sexa agora "máis necesario".
Nun comunicado logo do encontro, o comité de Alcoa San Cibrao require que, "de forma inmediata" e mentres non se aprobe o estatuto electrointensivo, se acepte unha poxa de interrompibilidade "cos valores de 2018", así como a licitación co "máximo valor permitido pola Unión Europea" por compensación por emisións de gases de efecto invernadoiro.
Mobilizacións
Delegados e delegadas da CIG en Alcoa e nas compañías auxiliares realizaron a pasada terza feira accións de protesta diante dos concellos de Xove e de Burela en contra do desmantelamento da factoría por parte da empresa e para reclamar a intervención dos Gobernos español e galego na defensa dos empregos e da actividade industrial do principal motor económico da Mariña.
As operarias e os operarios lembran que as empresas auxiliares representan 50% do persoal da factoría, uns 1.000 postos de traballo.