O comité de empresa de Povisa combaterá 14 despedimentos coa proposta de folga indefinida

[Imaxe: CIG]

Todos os sindicatos con representación agás CC.OO., que optou por se desmarcar, someterán a decisión á asemblea de traballador@s ao non se acadar un acordo na modificación das condicións laborais de 67 persoas para evitar os despedimentos. 


Folga indefinida. Será a resposta á vaga de despedimentos anunciados pola dirección do hospital privado Povisa que o Comité de Empresa --agás CC.OO., que decidiu desmarcarse-- submeterán a decisión da asemblea de traballador@s.

O periodo de consultas para negociar as modificacións nas condicións laborais de 67 integrantes do cadro de persoal deste centro de saúde rematou e non houbo acordo, polo que a empresa sanitaria avisou xa que a partir da sexta feira 28 comezará a entregar as cartas de despedimento. 

O Comité rexeitou un recorte nos dereitos laborais de tod@s @s empregad@s como moeda de troco para non botar ninguén, unha achega da dirección que a presidenta do Comité, María Xesús Neira (CIG), cualificou de "chantaxe". Aliás, informou de que, para alén dos 13 despedimentos xa anunciados, unha enfermeira vén de recibir tamén a notificación do cesamento do seu contrato. 

"O que pretenden é flexibilizar a xornada incumprindo o convenio colectivo", dixo Neira, recordando que a proposta de Povisa era estabelecer mudanzas nas quendas e nos horarios coa conivencia do Sergas, dependente da consellaría de Sanidade.

E coa conivencia tamén da Inspección de Traballo pois "non fixeron nada". Tampouco o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza manifestou a súa intención de lle facer cumprir a Povisa a sentenza en que dá a razón aos e ás traballadoras e condena a empresa a restituír as xornadas que reducira.