Condenan o alcalde de Dozón (PP) pola morte dun operario na empresa da que era conselleiro delegado

Frigodeza (Foto: Google Street)

Ao entón conselleiro delegado e actual rexedor de Dozón, o xulgado condénao por un delito contra os dereitos dos traballadores por imprudencia grave ás penas de cinco meses e 15 días de prisión e por un delito de homicidio por imprudencia grave a un ano e sete meses.

O Xulgado do Penal número 1 de Pontevedra condenou o actual alcalde do concello de Dozón (Deza), Adolfo Campos (PP), pola morte dun operario na empresa na que era conselleiro delegado en 2020, Frigodeza. Tamén se condena o encargado da mesma nunha sentenza contra o que cabe recurso.

Os feitos, segundo recolle a sentenza, producíronse o 5 de agosto dese ano na empresa Frigoríficas do Deza, dedicada ao sacrificio de porcos e que contratou a unha empresa de Lalín para reparar unha trapela nunha nave situada nesta localidade.

O falecido e un compañeiro desprazáronse á nave e o encargado de mantemento indicoulles o elemento que debían reparar, que era a trapela hidráulica da entrada de porcos á gaiola de anestesiado, onde comezaron os traballos de soldadura.

"O acusado tiña pleno coñecemento de que existía CO2 na zona de traballo e, a pesar diso, antes da intervención dos traballadores, non comprobou o nivel de acumulación de CO2 residual nin extraeu o mesmo a través do sistema de extracción", recolle a sentenza. Finalmente, un dos operarios, tras entrar e saír varias veces e notar problemas ao respirar, acabou falecendo.

"O traballo iniciouse sen que, previamente a iso, a empresa Frigodeza e, no seu nome, o conselleiro delegado da entidade, comunicase os riscos propios do centro de traballo que ían afectar ás actividades para desenvolver, as medidas de prevención de tales riscos e as medidas de emerxencia que se debían aplicar, de modo que, por tal falta de comunicación, os traballos de soldadura realizáronse mediante un procedemento absolutamente inadecuado", recolle a resolución.

Ao entón conselleiro delegado e actual rexedor de Dozón, o xulgado condénao por un delito contra os dereitos dos traballadores por imprudencia grave ás penas de cinco meses e 15 días de prisión e por un delito de homicidio por imprudencia grave a un ano e sete meses.

Ao encargado, condénaselle por un delito de homicidio por imprudencia á pena tamén dun ano e sete meses de cárcere. Tamén se impón o pago dunha indemnización a familiares do falecido que suma máis de 400.000 euros.