Continúa a “situación cáotica” na xestión de emerxencias 112 días despois do traslado

112

O comité de greve reitera que seguen as deficiencias no novo programa e lamenta que a Xunta manteña unha actitude contraria a atopar unha solución.

Camiño de se cumprir unha semana do traslado de Compostale á Estrada da xestión de emerxencias 112, o comité mantén que a “caótica situación” que se produciu nas primeiras horas continúa a darse días despois. Un “caos” que, lembran, xa advertiran de que se ía dar pois o traslado facíase sen a nova plataforma informática para atender as emerxencias preparada. “É un descontrol, o programa continúa sen funcionar, a xente está frustrada”, afirma Isabel Moares, do comité de empresa. Os traballadores comezaron o pasado día 15 unha greve.

 O comité de folga asegurou hai uns días que como o programa non está rematado é moi complicado e, en ocasións, imposíbel xestionar os recursos necesarios para responder nos tempos previstos as emerxencias. Como exemplo desta situación sinalan que “a xestión de recursos sanitarios que antes levaba un minuto de media agora está chegando a demorarse até cinco minutos”.

A pesar desta situación, indica Moares, a administración “continúan sen amosar interese en solucionar o problema”. Advirte que os problemas poden ir a máis e lembra que este servizo traballa con cuestións de emerxencias, nas que hai vidas humanas en xogo.