Anoxo de traballadores e patronal coa Xunta pola súa “prepotencia” no conflito do transporte

A Consellería cancelou 20 minutos antes e vía mail a xuntanza a tres bandas que convocara para esta cuarta feira. Volve convocala para esta quinta feira, após que o Consello aprobe a licitación do plan de transporte. 

Non é doado manter descontentos e enfadados por igual a empresarios e traballadores, e mantelos tanto tempo, mais semella que a Consellería de Infraestruturas estase a especializar neste eido no que atinxe ao plan de transportes de viaxeiros por estrada. Ambos os dous, patronal e sindicatos, volveron coincidir esta cuarta feira no seu enfado co departamento que dirixe Ethel Vázquez. A Consellaría cancelaba, 15 minutos do inicio, a xuntanza que convocara a tres bandas e pasaba a fixar nova data e hora: esta quinta feira, 6 de xullo. Ou sexa, unha vez que pola mañá o Consello da Xunta aprobe a licitación das concesións.

 

A manobra sentou moi mal. Para os empresarios, un despropósito. Para os sindicatos (CIG, CCOO e UXT), supón que a Xunta dá por rotas as negociacións. Xesús Pastoriza, da CIG, fala directamente de actitude “prepotente e pouco seria” da Xunta. A convocatoria de greve indefinida a partir do 13 de xullo, aprobada nas asembleas de traballadores, colle máis corpo ca nunca. “Esta ruptura unilateral do diálogo por parte da Xunta de Galiza ampara que queren seguir cun conflito aberto o cal están sufrindo todos os cidadáns e cidadás por culpa dun goberno ineficiente que adopta decisións máis propias dunha xuntanza nun bar, que as que debe adoptar un goberno serio”, afirman as centrais nun comunicado conxunto.

 

Que o Consello da Xunta aprobe a contratación das concesións indica que a Xunta non pensa dar marcha atrás. Que o plan de transporte non se toca, agás pequenos detalles en cada un dos 42 contratos. E isto embora os avanzos logrados, nomeadamente cos sindicatos, nas últimas xuntanzas coa Consellería, en materia de surogación e emprego.

 

Para a Consellería este plan é a única alternativa viábel e legal que garanta que en agosto haxa servizos. Desde a patronal insisten en que hai alternativas, lamentando a ‘cerrazón’ do goberno galego. Na mañá desta quinta feira, ademais, o consello de relacións laborais acolle unha reunión entre patronal e sindicatos para achegar posturas en torno aos convenios colectivos, outra das patas deste conflito que acumula 6 xornadas de greve e aponta a ser indefinido a partir do vindeiro 13 de xullo.