A CUT non apoia finalmente a greve xeral convocada pola CIG porque non se dan "as condicións subxectivas"

Marcha da CUT, CGT e STEG en Vigo o pasado 1 de maio

Asina un comunicado conxunto coa CGT, o STEG, Sindicato Ferroviario e Sanitarios Galegos Públicos. O pasado 7 de maio, a CUT vía a greve xeral como unha "necesidade obvia", mais só se se enfrentaba desde a "unidade sindical".

A posición destes sindicatos, que se definen a si propios como "alternativos", é que a greve é necesaria, mais non tal e como a está formulando a CIG. "Se a vontade da convocatoria está en paralizar o país e os sectores produtivos, que é o obxectivo dunha convocatoria de folga, a mobilización da CIG non reúne esas condicións pois pretende que non haxa convocatoria conxunta de todos os sindicatos, nin manifestación conxunta, nin en definitiva traballo previo conxunto", afirman. Argumentan, pois, que a CIG formulou a greve -convocada para o próximo 19 de xuño- como un prato xa precociñado sen dar opción a participar na súa preparación ás demais centrais.

 

"As condicións obxectivas para convocar unha folga son evidentes, hoxe igual que hai varios anos, pero as condicións subxectivas non o son", alegan. "Unha mobilización mal convocada, igual que unha folga mal convocada, pode converterse en nefasta para os intereses do pobo e da clase traballadora", conclúen.

 

Estas centrais non irán secundar por tanto a convocatoria da CIG, "do mesmo xeito que tampouco imos traballar na súa contra", acotan.