Na Coruña

Denuncian Correos perante Inspección após detectar na Coruña 127 afectados por contratos irregulares

CIG Correos de A Coruña lembra que a empresa xa foi sancionada en 2015 e 2016 por este tipo de prácticas.

CIG-Correos denunciou perante Inspección de Traballo a empresa Correos e Telégrafos S.A., após atopar 127 persoas afectadas por contratos irregulares na provincia coruñesa nos anos 2015 e 2016. O sindicato mostra a súa sorpresa polo feito de que a sociedade estatal manteña estas prácticas despois de ser sancionada pola consellería de Economía Emprego e Industria en 2015 e en 2016.

Para a CIG, Correos encobre con contratos temporais o que son vacantes de persoal que deberían de ser consolidadas en postos fixos. “Tal cantidade de contratos en fraude de lei podería causar unha avalancha de demandas de fixeza, despois do precedente do ano 2011, no que un empregado conseguiu pactar cos responsábeis de Correos no órgano de arbitraxe (SMAC), un acordo de relación laboral con carácter fixo, conseguindo deste xeito, sen mediar resolución ditada por ningún órgano de Correos, un posto fixo”.

Dereitos do persoal temporal

A CIG Correos da Coruña anuncia o impulso dunha campaña polos dereitos do persoal temporal. Trátase, indica, de “defender os dereitos das persoas contratadas na normativa vixente, que Correos actualice as bolsas de contratación de onde se fan os chamamentos pola orde adecuada, que a empresa redacte unha nova norma de contratación menos penosa e máis conciliadora coa vida persoal e profesional das persoas candidatas”.