Denúnciao a CIG

Política Social prima nun contrato o baixo custe e deixa na rúa o persoal dun centro de emprego

A Consellaría de Política Social adxudicou  o concurso público do 065 a unha UTE sobre a que CIG alertara no seu momento que xa comunicara á actual concesionaria do servizo  a súa intención de non subrogar o persoal, a pesar que o convenio de aplicación (o de viaxeiros da provincia da Coruña) conta cunha cláusula de subrogación. O sindicato lembra que na comarca de Ferrol o servizo de apoio á mobilidade persoal para persoas con discapacidade e/ou persoas en situación de dependencia vén sendo realizada por unha UTE na que o persoal o aporta Coinco, un centro especial de emprego que conta con persoal con capacidades diferentes.

 

Ante as pretensión da nova adxudicataria - que comezará a operar previsibelmente o 1 de febreiro-, a CIG dirixiuse tanto á Consellaría de Política Social  como á de Infraestruturas e Vivenda "sen recibir a día de hoxe resposta algunha".

 

Para o Secretario Confederal de Emprego da CIG, Francisco Cartelle "non deixa de ser unha situación extremadamente surrealista que un concurso público dependente da Consellaría de Política Social e, en concreto, da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade deixe sen emprego a persoas para as que en teoría debería buscar a súa inclusión social", lamenta.

 

Neste senso, afirma que se fai evidente que a prioridade da Consellería non é da integración laboral deste persoal, senón o custe económico do servizo. "En concreto, aforrar 64.000 euros da cantidade máxima autorizada. Non gastan esa contía na integración laboral real destas persoas e si en cartelería e propaganda valeira".

 

Desde a Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte e Telecomunicacións da CIG, esixen da Consellaría que cumpra coas súas obrigas e faga valer, apoiada en argumentos xurídicos e políticos, a subrogación do persoal que actualmente traballa no servizo de apoio á mobilidade funcional.