As dependentas de Inditex, desaloxadas da sede de Arteixo

Protesta das traballadoras de Inditex, esta segunda feira, na sede da empresa en Arteixo. (Foto: Nós Diario)

As delegadas da CIG avanzan que non renunciarán a "seguir pelexando polo dereito a unha negociación colectiva próxima" e que a súa táboa reivindicativa segue "plenamente vixente".

As traballadoras que permanecían fechadas desde a mañá da pasada sexta feira na sede de Inditex en Sabón (Arteixo, comarca da Coruña) foron desaloxadas a última hora desta segunda feira, segundo avanzaron desde a CIG. A empresa procedeu a denuncialas e chamar á Garda Civil, que accedeu ás instalacións por volta das 21.30 horas, comunicando que tiñan que saír do recinto ou que as botarían "pola forza".

Neste contexto, e á vista da "reiterada negativa" de Inditex a recibilas e cumprir co seu acordo, as compañeiras decidiron abandonar voluntariamente a protesta. As delegadas da CIG avanzan que non renunciarán a "seguir pelexando polo dereito a unha negociación colectiva próxima" e que a súa táboa reivindicativa segue "plenamente vixente".

Cualifican de "indignante" a "insistencia recalcitrante" de Inditex en "non cumprir os compromisos adquiridos por escrito" e critican que "unha multinacional como esta, con mil-millonarios beneficios", opte por "denunciar as súas propias traballadoras" antes que "respectar" o texto dos acordos.

Por iso, fan un chamamento ás súas compañeiras e compañeiros de todas as tendas de Inditex na provincia da Coruña a secundaren a folga convocada para o 27 de xuño e demostrarlle á empresa que os seus dereitos "non están en venda".