O SERGAS CONSIDEROU “NON APTA” A UNHA TRABALLADORA POR ESTAR EMBARAZADA

Sen dereito ao traballo por ser muller

Protesta contra o machismo empresarial en Abanca

A CIG denuncia que Abanca incorre en discriminación machista na aplicación do ERE.


Malia os avanzos normativos, a igualdade efectiva de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes fica lonxe de se visar realidade. No mundo do traballo, décadas despois da incorporación da muller a discriminación, nas súas diferentes formas, mantense vixente. Tanto en empresas privadas, como tamén na administración pública, a condición de ser muller é causa para lles negar mesmo o seu dereito ao traballo. Así o testemuñan as denuncias referidas a dous casos recentes que afectan ao SERGAS e Abanca.

“Non apta” por estar embarazada

No referido ao Servizo Galego de Saúde, segundo denuncian as organizacións sindicais e colectivos feministas, a Dirección da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Vigo (EOXI) tería impedido que unha celadora asinase o seu contrato de traballo por ficar embarazada. A EOXI escúsase nun informe da unidade de prevención de riscos laborais que de maneira insólita considerou a traballadora “non apta” por ser xestante. “O procedemento a seguir tería sido adecuarlle o posto de traballo ou facilitarlle a baixa por maternidade” contrapoñen desde a as centrais sindicais. “O contrario é cometer un acto de discriminación laboral e sexista que conculca un dereito fundamental”, enfatizan.

CIG, CCOO, UGT e a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, levaron as súas protestas a mañá da cuarta feira 19 de agosto até as portas da urxencias do Hospital Xeral, onde se concentraron. Alí deron lectura a un comunicado no que lembran que “estar embarazada non é estar enferma e tense dereito a un posto de traballo”. Os convocantes expresaron a súa vontade de seguir a denunciar o que cualificaron  como feito “ilegal e ilexítimo”, que na súa opinión “senta un precedente gravísimo en recortes de dereitos das mulleres e do dereito do traballo”. Retallamentos que inscriben dentro da vaga de ataques contra as mulleres por parte de quen non acepta “o modelo da independencia e da autonomía das mulleres”, en alusión ao Partido Popular, e que aseguran “non estamos dispostas a tolerar”

ERE machista

A Federación de Banca e Aforros da CIG denunciaba días atrás o nesgo de xénero co que, segundo denuncia, se estaría aplicar o cuarto Expediente de Regulación de Emprego en Abanca, afirmando que “as medidas lesivas afectan maiormente as traballadoras da entidade que, ademais, teñen salarios inferiores aos dos homes”.

“Estar embarazada non é estar enferma e tense dereito a un posto de traballo”

CIG-Banca puxo o foco no recente proceso de traslados e despedimentos que o banco iniciou na provincia de Pontevedra. Un proceso no que o “perfil prioritario para forzar o abandono da empresa” é o de “traballadora nova, recén casada e con pouca antigüidade”. Un feito que se engade a que outros axustes incluídos no ERE xa afectaran maiormente o persoal feminino. “O 63% das persoas que sufriron cambio de xornada son mulleres” explican. Aliás, aseguran que o ERE estaría desenvolverse de maneira fraudulenta pois mentres se aplican despedimentos e traslados con base nun “suposto excedente de persoal” realízanse novas contratacións temporais.

Para alén de sinalar a gravidade dos feitos a central nacionalista carga tamén contra a “hipocrisía” da dirección de Abanca, por teren empregado a imaxe de mulleres no lanzamento da nova marca. CIG-Banca amosouse disposta a iniciaren unha campaña de sensibilización entre a clientela da entidade, e exixe da dirección do banco a paralización do ERE “por ser claramente discriminatorio para as traballadoras” e o inicio dunha nova negociación.