O emprego no sector turístico galego aumenta 1,5%, por baixo do aumento de 2,9% a nivel estatal

As terrazas de Compostela nos arredores da Catedral presentan unha boa ocupación estes días de agosto. (Foto: Arxina)
A Galiza sumou en xullo 1.437 afiliados e afiliadas á Seguridade Social en actividades relacionadas co sector turístico con respecto ao mesmo mes de 2023.

A Galiza sumou en xullo 1.437 afiliados e afiliadas á Seguridade Social en actividades relacionadas co sector turístico con respecto ao mesmo mes de 2023 (+1,5%), segundo os datos publicados esta sexta feira por Turespaña (entidade dependente do Ministerio español de Industria e Turismo)

A alza no sector turístico galego representa a décimo terceira maior suba en termos relativos e o oitavo maior aumento en cifras absolutas entre as autonomías do Estado español (Estremadura foi a única comunidade que rexistrou un descenso no número de afiliados e afiliadas).

Das 94.950 traballadoras  e traballadores afiliados que desenvolveron en xullo algún tipo de actividade vinculada á hostalaría, ás axencias de viaxes ou aos operadores turísticos na Galiza, máis dunha terceira parte, concretamente 72.477, fixérono en réxime de asalariadas, mentres que 22.473 eran autónomas.

A repunta na taxa interanual da Galiza obedece, en boa medida, ao aumento do emprego asalariado, que creceu un 2,2% en xullo para contrarrestar a caída do 0,5% rexistrada nas afiliacións dos traballadores e traballadoras por conta propia no país.

Menor taxa que a estatal

A nivel estatal, os afiliados e as afiliadas á Seguridade Social vinculadas a actividades turísticas (contando hostalaría, axencias de viaxes e operadores turísticos) alcanzaron en xullo as 2.o24.185, o que representa un incremento de 2,9% con respecto ao mesmo mes do ano 2023, unha alza 1,4 puntos porcentuais por enriba da galega. 

O maior incremento entre autonomías foi o experimentado en Canarias, onde o número de afiliados e afiliadas en actividades relacionadas co turismo aumentou un 4,7%.