A ‘enruga’ de Adolfo Domínguez en Galiza: ERE para despedir 144 operari@s en Ourense

Desde o inicio da crise o cadro de persoal en San Cibrao das Viñas reduciuse de 600 a 354 traballadores.

 

Adolfo Domínguez presentou esta semana a sindicatos e autoridade laboral o ERE (Expediente de regulación de emprego) co que pretende despedir 144 traballadoras e traballadores, nunha medida que se centraría no seu centro principal, situado en San Cibrao das Viñas, Ourense. Un centro que tiña hai tan só tres anos, 2012, por volta de 600 operari@s e que fica agora con 354 á espera do que aconteza co ERE, que propón o despedimento de 144.

Tres anos de axustes e recortes en persoal leva aplicando Adolfo Domínguez, que deu o salto á fama na moda co lema 'a enruga é fermosa'. En 2012 xa aplicara un ERE e en 2014 fixera 40 despedimentos, ademais das 30 cartas individuais de despidos a outros tantos traballadores. Adolfo Domínguez pechou o exercicio 2014 cunhas perdas superiores aos 11 millóns de euros. A empresa ten 579 puntos de venda distribuídos por todo o mundo.

Unha vez presentada a información do ERE ábrese unha fase, por un máximo de 30 días, de negociación cos sindicatos, que xa temían unha medida deste tipo por parte da empresa.