Entra en vigor a nova Lei de Paridade cun "erro técnico" que facilita o despedimento

Ana Redondo, ministra de Igualdade. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
A lei orgánica de representación paritaria e presenza equilibrada de mulleres e homes, coñecida como Lei de Paridade, entra en vigor esta quinta feira, 22 de agosto, cun "erro técnico" que desprotexe as traballadoras e os traballadores que se acollan ao novo permiso de cinco días por coidado de familiar tras un accidente, enfermidade grave ou hospitalización, ou a unha adaptación de xornada.

A lei orgánica de representación paritaria e presenza equilibrada de mulleres e homes, coñecida como Lei de Paridade, entra en vigor esta quinta feira, 22 de agosto, cun "erro técnico" que desprotexe as traballadoras e os traballadores que se acollan ao novo permiso de cinco días por coidado de familiar tras un accidente, enfermidade grave ou hospitalización, ou a unha adaptación de xornada. O erro atópase na disposición final novena da lei, na que se modifica o artigo 55 do Estatuto dos Traballadores, en concreto, o apartado referido aos despedimentos nulos.

Ao introducir as vítimas de violencia sexual nos supostos previstos para que sexa nulo, a norma esquece incluír as persoas que se acolleron ao novo permiso de "cinco días por accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que precise repouso domiciliario do cónxuxe, parella de feito ou parentes até o segundo grao por consanguinidade ou afinidade, incluído o familiar consanguíneo da parella de feito, así como de calquera outra persoa distinta das anteriores, que conviva coa persoa traballadora no mesmo domicilio e que requira o coidado efectivo daquela".

Este colectivo quedara incluído nos supostos de despedimento nulo por medio da Real Decreto Lei 5/2023, aprobado en xuño do ano pasado mais, a partir desta quinta feira, quedarán fóra debido a este "erro técnico". Así o recoñeceu hai uns días a ministra de Igualdade, Ana Redondo, ao admitir que se trata dun "erro técnico" na Lei de Paridade, que permite prescindir daquelas persoas que se acollen ao permiso para coidar familiares ou ao cambio de xornada.

En declaracións aos medios, Redondo asegurou que este erro "produciuse contra a vontade de todos os que participaron nesa lei, desde o Ministerio até a última parlamentaria" e que "se está preparando a corrección". "Espero que en breve teñamos solucionado o problema, que é un problema técnico lamentábel, que, desde logo, non se previu en ningún caso e que non responde á vontade política", sinalou, aseverando que se tentará corrixir "nas primeiras accións parlamentarias nas que se teña oportunidade". No mesmo sentido, fontes do Ministerio de Traballo e Economía Social aseguraron que o erro, cometido por Igualdade, "emendarase en canto o calendario lexislativo permita".

Un mínimo do 40% de mulleres

Máis aló deste problema, o obxectivo da Lei de Paridade é garantir a presenza equilibrada de mulleres e homes no sector público e privado. En concreto, obrigará ás grandes empresas e á Administración Xeral do Estado a contar cun mínimo do 40% de mulleres nos seus órganos de dirección e permitirá que a presenza feminina supere o 60% de representación e chegue até un 100%. A norma contempla que deberá aplicarse ás compañías do Ibex antes do 30 de xuño de 2025, mentres que o resto de empresas cotizadas terán que facelo en 2026, mentres que os sindicatos e as asociacións empresariais terán de marxe até 2028.

En canto aos colexios profesionais, a designación dos seus membros das Xuntas de goberno ou Consellos de goberno deberán alcanzar a porcentaxe do 40% do sexo menos representado nos devanditos órganos a data do 30 de xuño de 2026. Ademais, os Consellos de administración e alta dirección das entidades de interese público deberán alcanzar a porcentaxe do 33% do sexo menos representado nos devanditos órganos a data 30 de xuño de 2026, e do 40% do sexo menos representado o 30 de xuño de 2028.

A lei tamén aplica factores correctores que beneficien a investigadoras que poidan sufrir penalizacións por paróns na súa actividade profesional por cuestións persoais, como os períodos de embarazo ou o coidado de crianzas. Durante o debate previo á votación e aprobación definitiva da lei, o pasado 23 de xullo, no Congreso dos Deputados, a ministra de Igualdade subliñou a importancia desta nova norma. "Esta lei é necesaria para garantir o principio de mérito e capacidade en todos os ámbitos da vida social, deportiva, política e económica porque só, e unha vez máis o repito, desde a igualdade de oportunidades as e os mellores poden chegar a desempeñar as máximas dignidades e responsabilidades", destacou Redondo.