Suso Seixo, secretario xeral da CIG

“Estamos dispostos a tirar para adiante cunha folga xeral”

O secretario xeral da CIG pon sobre a mesa non desbotar esta posibilidade se non se derrogan as reformais laborais, de pensións e da negociación colectiva.

A CIG acordou un impulso de protestos e mobilizacións para exixir ao goberno español un cambio nas políticas que poña fin e reverta a perda de dereitos laborais e sociais. “Iniciamos un proceso de acumulación de forzas e estamos dispostos a tirar para adiante cunha folga xeral se non se avanza nesa liña”, dixo o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, nunha concentración que decorreu esta cuarta feira diante da Subdelegación do Goberno en Ourense. Seixo vinculou a recuperación de dereitos e a creación de emprego con salarios e condicións de traballo dignas á “derrogación inmediata” de todas as reformas impostas so pretexto da crise económica, nomeadamente as laborais, a da negociación colectiva, as das pensións e a coñecida como lei mordaza.

Nesta liña, afirmou que o sindicato acordou darlle continuidade ás mobilizacións ao tempo que se establece unha táboa reivindicativa na que se concretarán todas as demandas e propostas básicas para mudar a actual situación.

Seixo insistiu en que é “fundamental presionar a través da mobilización social, nun proceso de concienciación e acumulación de forzas que nos permita chegar aos maiores niveis de mobilización e contestación social”. Presión que ten que ir dirixida fundamentalmente ao PP, pero tamén a aqueles grupos do Congreso español que son reticentes a estes cambios. Neste sentido, adiantou a disposición da CIG mesmo a recorrer á “greve xeral” se non se dá ningún avance.