A estiba enceta a primeira das oito xornadas de paros para estas 3 semanas

O colectivo está composto en Galiza por volta de 200 traballadores nos cinco portos de interese xeral. 

Os estibadores comezan esta segunda feira, 5 de xuño, a primeira das 8 xornadas de paros que realizarán nas vindeiras semanas, até o 23 de xuño. Unha greve que se realizará en horas impares os días 5, 7, 9, 19, 21 e 23 deste mes, mentres que para a cuarta feira, 14, está prevista unha greve ininterrumpida de 48 horas. Ao longo destes catro meses de conflito houbo varios anuncios de paros e greves por parte da estiba, mais esta é a primeira vez que se concreta. Está convocada por CIG, CGT, CCOO, UGT e Coordinadora de Traballadores do Mar.

 

A decisión dos estibadores de realizar este calendario de paros prodúcese a raíz do fracaso da negociación coa patronal Anesco, após que esta variase de postura e non queira cumprir o compromiso de subrogar os traballadores. Négase, pois, a garantir o emprego d os estibadores, un colectivo de 6.100 traballadores nos portos de interese xeral. En Galiza hai cinco autoridades portuarias: Vigo, A Coruña, Marín-Pontevedra, Vilagarcía e Ferrol-San Cibrao.

 

Os portos son sectores estratéxicos para a economía dun estado, de aí a importancia destes paros e a responsabilidade dos estibadores de facelos en horas impares. Por volta do 86% das mercancías que entran no Estado español fano a través dos portos, así como o 60% das que saen. As mercancías que anualmente se moven a través das autoridades portuarias teñen un valor de 377.000 millóns de euros, o que equivale ao 35% do PIB.