SUSO SEIXO, SECRETARIO XERAL DA CIG

“Feijóo procuraba a foto para o PP en ano electoral e CC OO e UXT facilitáronlla”

Seixo

O secretario xeral da CIG lamenta o “aval” que as principais centrais estatais deron ás políticas do PP coa sinatura de acordos de ‘diálogo social’ e pon a énfase en pedir compromisos para unha saída da crise “en chave favorábel á maioría social”.

 

O goberno galego do PP, a patronal e os sindicatos CC OO e UXT escenificaban esta cuarta feira a sinatura do que desde a Xunta xa se deron presa en cualificar como a necesaria recuperación do diálogo social. Falamos co secretario xeral da CIG, Suso Seixo, da forma e fondo dunha sinatura de acordos que, afirma, non se terían dado se non fose por ser este ano electoral.

-Goberno galego, patronal, CCOO e UXT xuntos asinando uns acordos a prol, segundo os propios promotores, de dous dos sectores máis desfavorecidos pola crise: desempregados de longa duración e mocidade. Que valoración fai a CIG desta sinatura e da representación da recuperación do ‘diálogo social’?

Eses acordos non son solución ningunha aos problemas de fondo e son, pola contra, unha imaxe electoral que interesa, e moito, ao Partido Popular. Un dos acordos diríxese aos parados de longa duración e outro á mocidade. No primeiro caso cómpre lembrar que se hai desempregados de longa duración é consecuencia das políticas adoptadas polo PP, que agora quere ofrecerlles estas farangullas. Ofrecen 426 euros durante seis meses e entendo que para quen non ten nada é un alivio. Mais non é a solución. Solución sería, en primeiro paso, unha renda de inserción laboral, como vimos reivindicando desde a CIG desde hai anos. E, o máis importante, solución sería facer políticas dirixidas a crear emprego.

"Que o PP empregue estes temas para se facer unha foto é lamentábel, mais que haxa sindicatos que se din de clase e que lle vaian lavar a cara o PP pois..."

-E en canto ao acordo asinado e dirixido á mocidade...

Nese acordo fálase de formación e de incentivar a contratación. Bon, non son propostas novas. O de incentivar a contratación acaba moitas veces sendo axudas e cartos para o empresario. E canto á formación, ese non é o problema, temos a xeración mellor formada, o problema é que non hai traballo. As listas de emigrados está chea de mozos ben formados.

Que o PP empregue estes temas para se facer unha foto é lamentábel, mais que haxa sindicatos que se din de clase e que lle vaian lavar a cara o PP pois... é máis lamentábel aínda.

-Mais se estes acordos asinados non valen por non ser resposta á situación actual, cal sería esa resposta?

A CIG presentou no seu momento unha Iniciativa Lexislativa Popular que contemplaba 100 medidas e propostas concretas e factíbeis para crear emprego e tentar mudar a situación. No eido laboral, fiscal, económico... achegabamos medidas e apostamos en dar o debate: é posíbel facer outras políticas, a favor da maioría social, mais o que pasa é que ao PP non lle interesa. Pódese crear emprego e que sexa emprego de calidade, pode haber outra fiscalidade onde o que máis teña pague máis... Con esta ILP púñamos sobre a mesa que era posíbel unha saída á crise e que esa saída se fixese en beneficio das maiorías sociais.

"Eses acordos non van ao fondo dos problemas e non valen para saír da crise"

-Que CCOO e UXT senten co PP a asinar eses acordos afecta a unidade de acción sindical?

Absolutamente. O que están a facer UXT e CCOO non ten nada a ver co que está a facer a CIG. O PP protagonizou os maiores ataques contra a clase traballadora desde a Transición, políticas submetidas aos intereses do grande capital. Ademais, impulsa leis e medidas de recortes de dereitos sociais e políticos, aposta na represión, aposta na criminalización de todo o que sexa non ir polo seu rego. Medidas anti-sociais. E para nada lle importou a opinión dos sindicatos até agora, que é ano electoral. E como veñen as eleccións, recorren aos ‘tontos útiles’ de UXT e CCOO para asinar uns acordos que non teñen nada a ver co que están vendendo que son. Entón, que unidade sindical pode darse con centrais que avalan iso?

-Incide en varias ocasións no dado de que 2015 é ano electoral para explicar esta sinatura do acordo...

O PP precisa recuperar imaxe ante a cercanía coas urnas, procura esa foto de ‘pacto social’ con patronal e sindicatos. Até agora pouco lle importou e aprobaba o que lle petaba en materia laboral, e non só aí, sen ter en conta a ninguén.

-Tamén falou antes da represión e criminalización. Sindicalistas da CIG, e non só, foron obxecto estes anos de multas, sancións, xuízos... hai unha ofensiva contra as liberdades e dereitos por parte do goberno?

Nós xa no seu momento denunciamos que para o PP todo o que sexa contestatario ten que ser reprimido, esa é a súa lóxica, a lóxica que vai acadar un nivel máximo coa ‘Lei Mordaza’, mais que xa levamos padecendo tempo. Queren eliminar a presunción de inocencia. Vemos cousas tan graves como que se falsifiquen informes policiais nas denuncias contra militantes nacionalistas. Estamos nun estado de excepción de baixa intensidade. E estámolo a sofrer todas as organizacións sociais que nos opoñemos a este modelo, nomeadamente os sindicatos máis contestatarios.