A folga do lixo mantense en Lugo após decidilo o persoal por unanimidade

[Imaxe CIG - Lugo]

Após un mes de paro e da ruptura da mesa de negociación @s traballador@s de Urbaser continúan a greve. "Todos somos un", declararon. VÍDEO NO INTERIOR.

 

Cúmprense 32 días de folga e todo apunta a que vai para longo. O cadro de persoal acordou por unanimidade manter o paro após racharen as negociacións coa empresa concesionaria. 

Urbaser rexeitou deixar sen efecto as sancións de emprego e soldo impostas a máis de 60 empregad@s durante as primeiras semanas de conflito polo que a resposta do persoal foi clara. 'Todos somos un' corearon @s operari@s ao remate da asemblea de traballador@s na que se acordou continuar coa greve. 

Representantes de CIG, UGT e USO -acompañados polos secretarios comarcais das centrais sindicais-- comunicaron en comparecencia de imprensa que o acontecido na última xuntanza "foi unha demostración máis do pouco interese da empresa por resolver o conflicto pola via da negociación". Neste senso, aseguraron sentiren "perplexidade, indignación e decepción" perante a actitude de Urbaser logo de que a concesionaria pretendese, dixeron, "separar os despedimentos e sancións do resto do conflito". 

O persoal denuncia que Urbaser non pon todos os medios para recoller o lixo dos puntos de risco

Para o persoal, a reincorporación das persoas despedidas e a revogación das sancións era unha condición indispensábel para chegar a un hipotético acordo coa empresa. En asemblea, @s operari@s aseguraron estar "absolutamente unidos", polo que manterán a folga. 

De por parte, amosáronse crític@s coa actitude do Concello de Lugo e instaron o executivo local a envolverse na procura de solucións ao conflito, sendo que "a empresa só atende aos seus intereses". E é que, denuncian, Urbaser non está a disponibilizar todos os medios para a recollida do lixo nos puntos catalogados de risco para a saúde. O persoal advertiu que os camións de carga lateral "foron trasladados mesmo fóra da provincia".