A folga de persoal de Iberia no aeroporto compostelán hoxe obriga a cancelar varios voos: estas son as conexións afectadas

Interior do aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro (Foto: Aena)

A convocatoria de paro por parte de persoal de Iberia no aeroporto de Santiago terá efectos xa hoxe, a primeira das dúas xornadas programadas.

A convocatoria de folga por parte de persoal de Iberia no aeroporto de Santiago terá efectos xa hoxe, a primeira das dúas xornadas programadas.

Este parón dos traballadores e traballadoras da compañía traducirase na cancelación de dúas conexións con Madrid e unha con Bilbao, ademais dos voos de regreso.

Así o confirmaron a Europa Press fontes da sección sindical de UXT da compañía na capital galega. Convocáronse dúas xornadas de paro para denunciar a "sobrecarga" de traballo por "falta de persoal" no aeroporto de Santiago-Rosalía de Castro.

A folga desenvolverase os días 16 e 17 de maio, respectivamente. O sindicato denuncia que a situación aínda se "agrava máis" polo peche provisional por obras do aeroporto de Vigo e, por tanto, polo desvío de carga de traballo cara a Santiago de Compostela.

Denuncian as "condicións precarias"

O sindicato esgrime que hai quendas que mesmo poden ir desde as 5horas ata as 18horas, con xornadas partidas para atender picos de traballo, o que "dificulta seriamente a conciliación da vida laboral e persoal" dos traballadores e traballadoras.

Ademais, incide en que estas "condicións precarias" afectan á saúde dos traballadores e traballadoras de Iberia en Santiago, con riscos "moi serios, tanto físicos como psicolóxicos".

UXT, que convocou unha concentración este hoxe para as 12.00 horas nas saídas do aeroporto de Rosalía de Castro, remarca que leva tempo "denunciando esta situación no servizo de handling" da compañía no aeroporto compostelán, e que Iberia "escúdase nun suposto normal funcionamento e dá a calada por resposta".