Francia incorpora o dereito á desconexión electrónica fóra do horario de traballo 

ordenador

A nova lei aplícase ás empresas con máis de 50 traballadoras e traballadores. Empresas como Orange, Michelin e Volkswagen xa aplican estas medidas.

O domingo, co comezo do novo ano, entrou en vigor unha nova lei en Francia. As traballadoras e traballadores franceses poderán desconectarse do seu email profesional fóra do horario de traballo. A lei aplícase ás empresas con máis de 50 traballadores. Estas entidades estarán obrigadas a ter un cadro de boa conduta que defina o período a partir do cal non é obrigatorio enviar ou responder ás mensaxes do correo electrónico. 

As persoas que defenden a lei afirman que a dispoñibilidade  para ver o email a todas horas non está recompensada de forma xusta. Ademais, pode contribuír a crear stress e problemas para durmir. Magali Prost, doutora en psicoloxía ergonómica e especialista na utilización das novas tecnoloxías no contexto do traballo, estivo implicada nunha experiencia que levou a cabo unha empresa de creación dun sistema de bloqueo do email fóra do horario de traballo. Nunha entrevista con Le Monde, afirmou que “ o traballo convértese nunha preocupación constante e entra na esfera privada” e que “algúns directores que sempre están conectados ao email poden transmitir unha presión implícita aos seus colaboradores, que se senten na obrigación de responder ás mensaxes a horas indebidas”. 

Foi o caso da operadora de telecomunicacións Orange, que nun documento interno, datado de setembro do ano pasado, pediu ás e aos colaboradores que non visen as mensaxes electrónicas durante as reunións para facilitar a concentración. Tamén Michelin estableceu un horario de repouso para as as traballadoras e traballadores, entre as 21h e 7h da mañá, e de sexta feira ás 21h ás 7h da segunda feira. Outro exemplo é Volkswagen, que aplica desde 2011 un período de treguas diario en canto á consulta do email da empresa fóra do horario de traballo.