Galiza acolle o encontro de mulleres das centrais sindicais dos países da lusofonía

Santiago de Compostela acollerá o 27 e 28 de setembro o seminario internacional e encontro de mulleres da Confederación de Sindicatos de Países da Lingua Portuguesa (CSPLP).
2024-09-23_RP_EncontroMulheresCSPLP_5
photo_camera Susana Méndez e Nicolasa Castro presentando encontro de mulleres das centrais sindicais dos países da lusofonía. (Foto: Nós Diario)

As xornadas, promovidas pola Confederación Intersindical Galega (CIG), reunirán representantes das centrais sindicais dos países da lusofonía, estando confirmada a presenza de organizacións de Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Galiza, Mozambique, Portugal, San Tome e Príncipe e Timor Leste.

A secretaria de organización da CIG, Susana Méndez destacou na presentación do encontro "a importancia que ten para o noso sindicato actuar de anfitrión nunha xornada onde están presentes organizacións coa que partillamos unha lingua común". Na mesma dirección, significou que "a relevancia de que Galiza reciba estes eventos, porque é a primeira ocasión na que esta xornada se desenvolve nunha nación sen Estado".

Muller e igualdade 

O encontro arrancará ás 9.30 horas desta sexta feira cunha recepción das participantes na Casa do Concello de Compostela, e a seguir, ás 11 horas, cun saúdo de benvida a cargo do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que dará paso ao primeiro relatorio das xornadas, presentado pola secretaria da área da muller do sindicato, Nicolasa Castro, quen analizará os 'Planos de igualdade da muller na negociación colectiva'.

As xornadas continuarás ás 12.30 horas cunha palestra da profesora, sociolingüista e escritora Pilar García Negro, baixo o título 'A das mulleres galegas: unha historia distintiva'. A quenda da tarde comezará ás 16.30 horas cun relatorio sobre violencia sexual e de xénero contra as traballadoras do mar, a cargo da profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Carmen Montero Ferrer.

O calendario de actividades do día 27 fecharase con dúas mesas redondas. A primeira delas xirará sobre os 'Plans de igualdade para s mulleres no traballo en Portugal e Brasil' e terá como relatoras a Andrea Araujo da CGTP portuguesa e a Amanda Corcino da CUT brasileira. A segunda versará sobre a situación da muller nos países da CLSP e contará coa presenza Joaquina Almeida de Cabo Verde, de Clara Munguambe de Mozambique, de Cristina Trony de Portugal, de María Edna Ferreira de Medeiros do Brasil e de Eduarda Miranda Branco de Timor Leste.

Problemas globais

As xornadas, que continuarán o sábado 28, servirán en palabras de Nicolasa Castro para abordar "as problemáticas que neste momento urxen unha acción común, como o xenocidio do pobo palestino ou, noutra orde de cousas, as consecuencias do cambio climático e a transición enerxética desde unha perspectiva de xénero no mundo do traballo, nos movementos migratorios, tendo en conta tamén o papel desempeñado polos nosos países na orde internacional".

Comentarios