63 accidentes laborais ao día durante 2014

Accidente laboral

Segundo as cifras ofrecidas pola Xunta, en Galiza unhas 59 persoas perderon a vida durante o seu traballo o ano pasado. Os accidentes creceron en sectores como a pesca ou a construción.

 

Galicia rexistrou no ano 2014 un total de 23.214 accidentes de traballo en xornada laboral, o que supón un incremento do 3,79% (+848) con respecto aos que se detectaron en 2013. Con esta cifra, a media sobe a 63 accidentes laborais ao día durante o ano anterior, moitos deles con consecuencias dramáticas. 

Así, segundo os datos facilitados pola Xunta, 22.726 foron de carácter leve, 429 foron graves, e 59 foron mortais. Isto supón que o 97,9% do total dos accidentes foron leves, un 1,85% correspóndense con sinistros graves, e o 0,25% cos mortais. Neste último caso, o maior número de sinistros correspondeuse cos accidentes de buques e afundimentos no sector pesqueiro.

Precisamente, os sinistros aumentaron na pesca (+5,65%), na construción (+5,71%), e nos servizos (+5,88%). Reducíronse na agricultura (-0,25%) e a industria (-0,16%). Así mesmo, os sectores da industria e dos servizos son os que rexistraron máis partes de enfermidades profesionais con baixa. En concreto, na industria correspondéronse en maior medida co colectivo masculino, mentres que en servizos co feminino.