Galiza, en saldo negativo tamén en 'mobilidade laboral'. Marchan máis persoas asalariadas das que recibimos

Cada día marchan de Galiza 15 traballadores.Madrid, Catalunya e Canarias son os principais destinos

Ao longo de 2015 un total de 109.314 persoas que estaban traballando cambiaron de territorio para traballar dentro do estado español. Unha cifra que no caso de Galiza é de 5.725 persoas. Ese é o número de asalariados que ao longo do ano pasado abandonaron o noso país para continuar traballando noutras comunidades. Son datos estatísticos da Axencia Tributaria, que fala de 'mobilidade laboral'. Un rexistro no que Galiza tamén sae perdendo. Marcharon 5.725 persoas e recibidmos 3.768 doutros territorios. En resumo? Unha fenda de 1.957 persoas asalariadas.

Galiza é o cuarto territorio do Estado co saldo negativo máis grande en mobilidade laboral. Só Andalucía, e as dúas castelas nos superan. No outro extremo figuran Madrid e Catalunya, que son as que teñen mellor saldo positivo: 15.088 traballadores máis recibidos dos que marcharon en Madrid e 4.741 en Catalunya

A ónde?

E cara a ónde marchan os noso asalariados dentro do Estado español? Pois os destinos non son descoñecidos. Un 38% deses 5.725 traballadores que cambiaron de territorio tivo como destino Madrid (2.161 asalariados tiveron que coller esa vía). A seguir figura Catalunya, que recibiu en 2015 865 traballadores galegos (15%) e Canarias, cun 9%: ás illas foron dar ao longo do 2015 un total de 515 traballadores galegos.