Garantir a prevalencia dos convenios asinados en Galiza sobre os estatais

CIG promoverá unha iniciativa neste sentido no Consello galego de relacións laborais. En Euskadi patronal e sindicatos atinxiron un acordo nese sentido.

 

A centralización ou estatalización da negociación colectiva, impulsada a raíz das reformas laborais, empobrece as condicións de traballo e vulnera a liberdade sindical. Como resumir hai uns meses nunha entrevista Xoán Xosé Bouzas Aboi, de CIG-Industria, “a centralización dos convenios é o marco ideal para recortar dereitos e salarios aos traballadores galegos”. CIG e ELA sumaran o ano pasado unha fronte común para denunciar un proceso, o de centralización, no que sinalaban a gran patronal española (CEOE) e os sindicatos estatais maioritarios como partes interesadas.

Nestes días delegacións da CIG e do sindicato vasco ELA volveron se reunir para para analizar a situación social e laboral en ambos os dous países. Entre os temas que se trataron estivo o da negociación colectiva. Suso Seixo, secretario xeral da CIG, dixo que se falara das “dificultades evidentes” para negociar os convenios colectivos tanto nunha nación como noutra. Salientou o acordo asinado en Euskadi hai uns meses entre a patronal e as centrais sindicais, polo que se garante que os convenios que se negocien en Euskadi, sexan de empresa, provinciais ou autonómicos sempre van ter prevalencia sobre os convenios estatais. “É unha maneira de reforzar o Marco propio de Relacións Laborais e de negociación, algo que a CIG leva tempo reclamando”.

Diante disto, Seixo anunciou que a CIG promoverá unha iniciativa semellante a través do Consello galego de Relacións Laborais, porque “se os sindicatos estatais viron positivo un acordo destas características para Euskadi o normal sería que se sumaran a reivindicalo aquí”. Seixo tamén lembrou que nunha recente xuntanza co actual presidente da CEG “este manifestouse favorábel a camiñar nesa liña”.

Recuperar dereitos

ELA e CIG comprometéronse tamén a seguir coa mobilización social para exixir a recuperación dos dereitos laborais e sociais perdidos como consecuencia das contrarreformas dos últimos anos.

Avaliouse a nova situación política a nivel de estado, coa perda de maioría absoluta do PP, o que crea un escenario novo, en que en teoría sería factíbel promover proxectos de lei que fosen no camiño de tirar abaixo as contrarreformas laborais dos últimos anos.