Greve indefinida do persoal da Axencia Galega de Emerxencias a partir do 15 de abril

Levan meses mobilizándose para denunciar as consecuencias do traslado do 112 á Estrada. A administración nin sequera os recibiu. 

Representantes do comité de empresa do Servizo de Atención a Emerxencias de Galiza, 112, acompañados por membros do comité do 061, anunciaron a convocatoria dunha greve indefinida a partir do vindeiro 15 de abril, sáabdo.

O persoal deste servizo leva meses mobilizándose para denunciar as consecuencias que terá o traslado do 112 de Compostela á Estrada, tanto nas condicións laborais e salariais dos traballadores como no servizo aos cidadáns. Porén, afirman, as súas denuncias e demandas foron escoitadas . Por iso, explica Isabel Moares, presidente do comité e representante da CIG;, “vémonos na obriga de convocar esta folga que será indefinida, até que a administración teña a ben recibirnos”.

Para a vindeira segunda feira está prevista unha xuntanza entre o comité de greve e a empresa para marcar uns servizos mínimos que, de non se chegar a un acordo, fixará a propia administración. Polas características do 112 eses servizos mínimos adoitan ser do 100%. Porén, segundo explicou Moares, “hai unha sentenza do TSXG que di que o servizo ten que funcionar pero non como un día normal”. De ser así, consideran que repercutirá na atención das emerxencias, porque haberá chamadas en espera pero non operadores/as abondo, polo que se acabarán atendendo, pero cun tempo de resposta máis alto.

Traslado e consecuencias

O Comité criticou a falta de información sobre o traslado. Aliás, a presidenta denunciou os fallos que segue a dar a plataforma informática que se porá en marcha coincidindo co cambio de ubicación; a “deficiente e insuficiente” formación que recibiu o persoal para utilizar este novo programa; a ausencia dun Plan de continxencias por se se producen fallos na nova aplicación e a falta dun plan de traslado que teña en conta os custos que vai supor, para as traballadoras e traballadores, ter que desprazarse diariamente á Estrada.

Oscar Valadares, membro do comité de empresa, advertiu que  vai ser un problema comezar a traballar “sen controlar por completo a ferramenta coa que teremos que facelo”. A este respecto sinalou que hai todo o catálogo de emerxencias con máis de 50 protocolos diferentes e cada un deles con especificidades propias en cada área de cobertura. “Iso non é algo que se aprenda ás carreiras”.

Para o persoal do 112 é especialmente grave o silencio tanto da administración, como da empresa, no relativo aos custos dun traslado que vai afectar a 300 familias e que vai provocar unha diminución dos seus ingresos, segundo os seus cálculos, dun 14%, en salarios que están en arredor dos 1.000 euros.