Greve indefinida nunha empresa de Porriño polo despedimento dun traballador afiliado á CIG

O sindicato considera que a dirección de ‘Alonarti Envases’ procura “amedrentar” os empregados ante a negociación dun novo convenio colectivo. 

A partires da vindeira terza feira, 18 de xaneiro, os traballadores de Alonarti Envases iniciarán unha greve indefinida para rexeitar o despedimento disciplinario dun afiliado da CIG. Así o decidiron en asemblea a maioría dos traballadores desta empresa dedicada á fabricación de envases para a industria farmacéutica e cosmética con sede no Porriño. Para a central nacionalista estamos perante o que cualifica como “un intento da dirección de amedrentar os empregados de cara á inminente negociación dun novo convenio colectivo”. CIG ten 7 representantes no comité de empresa por 2 da UXT (central que decidiu non sumarse á greve)

Ao mesmo tempo, anunciaron que coincidindo coa greve desenvolverán concentracións ás portas da compañía no polígono porriñés das Gándaras durante os cambios de cada unha das tres quendas de traballo (6.30, 14.30 e 22.30 horas). “Non podemos permitir que a empresa amedrente deste xeito os traballadores/as co obxectivo de lograr un convenio máis vantaxoso para os seus intereses”, sosteñen.