Situación laboral do home e da muller, igualarse na precariedade

conserveiras

O informe 2016 da CIG sobre situación sociolaboral da muller recolle como temporalidade, precariedade e baixos salarios marcan o mercado laboral feminino. 

 “Esta non é a igualdade que queriamos as mulleres. Nós non queriamos igualarnos en precariedade”. Margarida Corral, secretaria das Mulleres da CIG resumía así os datos do informe da situación sociolaboral da muller que o sindicato presentou esta sexta feira. Un documento no que se rexistra como precariedade, a temporalidade e baixos salarios continúan a marcar a realidade laboral feminina. Coa crise, esas situacións afectan tamén a moitos homes, o que produce unha igualación ‘á baixa’ das condicións do traballo. “Cando exixiamos os mesmos salarios que os homes non pretendiamos obter unha rebaixa nos seus, senón os mesmos dereitos que eles a priori conseguiran”, indicou Corral, que criticou que esta situación “se utiliza para pretender convencernos dunha mellora na igualdade entre homes e mulleres que non é real, nin unha conquista social, nin un trunfo das poucas políticas de igualdade existentes”.

A secretaria das Mulleres da CIG chamou a “recuperar a combatividade” e anunciou que se aproveitará o Encontro de Mulleres da CIG para impulsar unha folga de mulleres en Galiza. Unha greve para a que apostou en traballar conxuntamente co movemento feminista para que participe de forma activa na convocatoria. Ademais, Corral instou todas as mulleres da CIG a parar o 8 de marzo ás 11:00 horas e a participar na concentración convocada para ese día  diante da Secretaría xeral de Igualdade en solidariedade con Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo. Chamou tamén a participar na mobilización nacional convocada polo feminismo galego o domingo 5 de marzo, ás 12:00 horas en Compostela e nas mobilizacións comarcais convocadas para o propio 8 de marzo en diversas vilas e cidades de Galiza.

O informe constátase como no ano 2008 había unha diferenza de 16 puntos a favor dos homes en taxa de actividade entre homes e mulleres, que se viu reducida a 9,7 no ano 2016. Algo semellante aconteceu na taxa de ocupación, onde a diferenza se reduciu dos 15,9 puntos do ano 2008 aos 7,3 do ano 2016. “Pero todo o acercamento se debeu á perda de actividade e ocupación entre os homes, xa que as mulleres se manteñen practicamente nas mesmas taxas que ao inicio da crise”, dixo a responsábel do Gabinete económico da CIG, Natividade López.

A fenda salarial, que no ano 2009 era do 23,1%, reduciuse a un 22,2% no ano 2015. “Mais novamente foi a maior perda de ingresos salariais entre os homes o que explica este acercamento”, matizou.