Inspección de Traballo realizará máis de 624.000 actuacións este ano

Traballadores da construción. (Foto: Nós Diario)
O pasado ano rematáronse 651.531 expedientes, a maioría relacionados coa prevención de riscos laborais.

O Ministerio de Traballo e as comunidades autónomas aprobaron esta segunda feira a folla de roteiro da Inspección de Traballo para 2024, que prevé un total de 624.406 actuacións. A planificación da actividade inspectora para este ano foi aprobada durante o Pleno do Consello Reitor da Inspección de Traballo e Seguridade Social que presidiu o secretario de Estado de Traballo, Joaquín Pérez Rey, e no que participaron a directora deste organismo, Cristina Fernández, e mais responsábeis de oito departamentos ministeriais e de todas as comunidades autónomas.

O documento deseñouse coa conformidade das comisións operativas que durante os meses de novembro e decembro aprobaron as respectivas planificacións territoriais.

rredor de 53,4% dos expedientes planificados corresponde ao ámbito de competencia estatal, como o caso da Seguridade Social por unha parte e a economía irregular e traballo de persoas estranxeiras por outra, para as que se planificaron 333.730 expedientes de cara a 2024.

Balance de 2023

Ao longo do pasado exercicio rematáronse 651.531 expedientes, 5% máis que os fixados como obxectivo para o conxunto de 2023. O maior número de actuacións decorreu no ámbito da prevención de riscos laborais, cun total de 242.869.

Segundo datos do Ministerio de Traballo, máis dun millón de traballadores e traballadoras (1.030.949) viron melloradas as súas condicións laborais grazas á Inspección. Ademais, 100.982 ocupadas foron dadas de alta na Seguridade Social e recadáronse 936,3 millóns de euros por diferentes vías de actuación.