Investigadas tres persoas propietarias de vivendas turísticas irregulares por empregar traballadoras sen contrato

Rúa da zona vella de Baiona. (Foto: Nós Diario)
Presuntamente, estas tres persoas contrataban a persoas para a limpeza, en moitos casos estranxeiras en situación irregular no Estado español, ás que prometían o alta na Seguridade Social, mais sen chegar a efectuala.

A Garda Civil investiga tres persoas, propietarias de varias vivendas de uso turístico na Galiza, que empregaban traballadoras da limpeza sen contrato, sen dalas de alta na Seguridade Social nin respectar os seus dereitos laborais. En concreto, ás tres persoas investigadas atribúeselles un delito continuado de estafa e outro contra os dereitos dos traballadores.

Os axentes, a través dunha investigación, localizaron unha empresa que ofertaba vivendas de uso turístico en toda a Galiza, a través da súa páxina web. Na mesma, apuntan, detectáronse irregularidades, xa que algunhas das vivendas tiñan licenzas falsas, con direccións tamén falsas para impedir ser localizadas. Desta incidencia deuse parte a Turismo da Xunta de Galiza.

Pola súa parte, a Garda Civil localizou tres destes pisos en Baiona (comarca de Vigo) o pasado mes de xullo, e identificouse neles a unha traballadora, sen contrato, que realizaba os labores de limpeza. A través disto chegouse á empresa de Vigo que xestiona as vivendas e que é propiedade dun home e dúas mulleres -a súa esposa e a súa nai-.

Segundo puido saber a Garda Civil, estas tres persoas contrataban a persoas para a limpeza, en moitos casos estranxeiras en situación irregular no Estado español, ás que prometían o alta na Seguridade Social, mais sen chegar a efectuala. Valéndose da súa situación de irregularidade, non cumprían os horarios de traballo nin lles pagaban desprazamentos ou horas festivas, á vez que estaban sometidas "a unha total dispoñibilidade".