A loita en prol do indulto a Carlos e Serafín esténdese a Tamara e Ana

Foto: CCOO

Ana Outerelo e Tamara Vidal foron condenadas por guindar pintura no interior dunha piscina. O movemento a prol do seu indulto entronca coa petición que se mantén desde hai meses nese sentido para Carlos e Serafín.

Ana e Tamara participaron en 2010 na folga na que se demandaba un convenio colectivo para o sector das instalacións deportivas. Nunha das protestas, 60 persoas entraron nunhas instalacións. Algunha delas guindou pintura verde na piscina e salferiu o traxe do xerente.

Na primeira sentencia do Tribunal de Primeira instancia considerou que Ana e Tamara eran responsábeis deste acto e condenábaas a 6 meses de prisión e unha multa. Mais Fiscalía recorreu a sentencia perante a Audiencia, pedindo a pena máxima e o Tribunal aceptou o recurso e condenou a 3 anos ás empregadas, unha decisión sen posibilidade de recurso.

De aí que se activase un movemento a prol do indulto destas 2 traballadoras. Xa teñen máis de 6.000 sinaturas de apoio. O sindicato CCOO cualifica a sentencia de desproporcionada e chama á cidadanía a apoiar o indulto).