Máis dunha vintena de voos cancelados no aeroporto de Santiago pola folga en Iberia

Interior do aeroporto de Lavacolla

O persoal concentrarase para denunciar unha sobrecarga agravada polo traslado das rutas de Vigo

Os voos cancelados no Aeroporto Lavacolla-Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, tanto de chegada como de saída, ascenden a máis dunha vintena debido á folga en Iberia que afecta a esta terminal.

En concreto, estes paros estendéronse durante a quinta feira 16 e esta sexta feira 17 de maio, e pretenden denunciar a "sobrecarga" de traballo por "falta de persoal" en Lavacolla, algo que se "agrava máis" polo traslado das rutas do Aeroporto de Vigo (pechado este mes de maio por obras).

Segundo confirman a Europa Press fontes da sección sindical de UXT, aos 13 voos que había cancelados até a quinta súmase unha decena que opera tanto Iberia directamente como as súas filiais Vueling e Air Europa.

O primeiro en decaer esta sexta feira foi o avión de Vueling que debía saír de Santiago a Barcelona ás 6:45 horas da mañá, o que fixo que tampouco se opere a chegada desde a cidade condal prevista para as 10:55 horas.

Tamén están canceladas as rutas de ida e volta (catro voos) que conectan a capital galega con Madrid que opera Air Europa, con saídas desde Santiago ás 12:35 do mediodía e as 21:05 horas.

Ademais, tampouco sairán outro catro de dúas rutas de Iberia cara a Madrid, que sairían desde Lavacolla ás 13:45 e ás 21:45 horas.

UXT denuncia que na compañía hai quendas que mesmo poden ir desde as 5:00 horas até as 1:,00 horas, con xornadas partidas para atender picos de traballo, o que "dificulta seriamente a conciliación da vida laboral e persoal" dos traballadores e traballadoras.

Ademais, incide en que estas "condicións precarias" afectan á saúde dos traballadores e traballadoras de Iberia en Santiago, con riscos "moi serios, tanto físicos como psicolóxicos".

UXT remarca que leva tempo "denunciando esta situación no servizo de 'handling'" da compañía no aeroporto compostelán, e que Iberia "escúdase nun suposto normal funcionamento e dá a calada por resposta".­­