Manifestación do metal contra o bloqueo do convenio nas catro provincias de Galiza

Folga metal de 2007 en Vigo

Será o 21 de outubro en Compostela. A central sindical CIG denuncia que a patronal se nega a negociar os novos acordos e manteñen conxelados os salarios do persoal.

A Federación de Industria da CIG convocou para o 21 deste mes de outubro unha mobilización en Compostela para rexeitar a paralización das negociacións do convenio do metal nas catro provincias galegas. O sindicato afirma que a patronal négase a negociar os novos acordos e manteñen conxelados os salarios do persoal.

“O empresariado négase a negociar, coa idea de impoñer a reforma laboral do PP (flexibilidade de xornada, baixada de soldos, precarización da contratación a través das ETT, etc.), polo que reclamamos que se senten a falar para chegar a acordos que desbloqueen esta situación”., maanifesta a central A CIG lembra que en Pontevedra e Coruña o convenio rematou en decembro de 2014, pero no caso de Lugo e Ourense isto aconteceu decembro de 2012, polo que se vai cara a 3 anos sen el.

Aliás, o sindicato nacionalista reitera a aposta nun convenio galego do sector do metal, un marco co que se impediría, entre outras cuestións, a competencia “desleal” entre empresas en Galiza. “Mais, mentre non haxa novos convenios colectivos demandamos a inmediata revisión das táboas salariais”.

Pontevedra

Representantes dos tres sindicatos maioritarios do sector do metal galego, CIG, CCOO e UGT, compareceron esta semana en Vigo após a xuntanza mantida coa patronal para anunciar a convocatoria de novas mobilizacións despois de que om empresariado lle trasladasen "propostas inasumíbeis". Entre elas, salientan a intención da patronal de modificar o complemento de eventualidade -que na actualidade se cobra ao remate da cada mes e que equivale a 20 días por ano- para que pase a cobrarse ao final do contrato e se rebaixe aos 12 días por ano.