Miles de persoas marchan baixo a chuvia ferrolá en apoio aos traballadores das auxiliares do naval

Imaxe: CIG

Fan dúas semanas de greve para demandar que se cumpran os acordos salariais de 2001 en todas as empresas. "Non queremos que o persoal estea condenado á eventualidade”.

Miles de persoas marcharon baixo a chuvia en Ferrol na tardiña desta quinta feira para defender os dereitos dos traballadores da industria auxiliar de Navantia, en greve indefinida desde o 5 de outubro para demandar o cumprimento dos acordos salariais de 2001 en todas as empresas e súa inclusión nun marco legal que lle dea eficacia. O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o secretario nacional da CIG-Industria, Xoán Xosé Bouzas 'Tupi', estiveron presentes na marcha. A greve e a mobilización están convocados polo sindicato nacionalista.

 

Carril cualificou de "exemplar" a loita dos traballadores das contratas de Navantia "por rachar coa pobreza e a explotación nun momento como o que estamos a vivir". O secretario comarcal de Industria en Ferrol, Vicente Vidal, valoraba que, após 15 días, a greve "segue a ser un éxito", subliñando o compromiso dos traballadores que cada día acoden aos piquetes informativos nas portas dos estaleiros.

 

Vidal rexeitou a actitude das empresas e a dirección de Navantia: "O único que fixeron foi intentar torpedear a folga e xerar unha información falseada para a cidadanía co obxectivo de transmitir a idea de que estes traballadores están loitando por conseguir, a través da folga, unhas melloras que son uns privilexios".

 

O responsábel comarcal da CIG-Industria criticou o bloqueo das negociacións por parte da patronal e de Navantia reprochando UGT e CCOO que sexan cómplices desa estratexia. "O que lle pedimos a CCOO, UGT e MAS é que veñan ás asembleas que se fan diante das portas dos estaleiros e que expliquen cal é a súa proposta para esas negociacións coa patronal para sexan os propios traballadores quen a poidan valorar. ".