Accidente laboral en Padrón: morre un traballador tras ser atropelado por unha pa mecánica na fábrica de Finsa

Camións de Finsa en Padrón. (Foto: Google)
Este mes de agosto vén marcado na Galiza polos accidentes laborais, pois ademais do suceso desta terza feira producíronse outros tres accidentes de natureza similar nas últimas tres semanas.

Un traballador faleceu esta terza feira no municipio de Padrón (comarca do Sar) tras ser atropelado por unha pa mecánica nunha fábrica da localidade, a de Finsa. Segundo informou o 112 nas súas redes sociais, o suceso tivo lugar na parroquia de Iria Flavia. Os servizos sanitarios desprazados ao lugar só puideron confirmar o falecemento do home. A vítima era un operario externo, de Transportes Veciño, empresa con base en Zas. Así o confirmou o alcalde de Padrón, Anxo Arca, quen ademais trasladou as súas condolencias á familia e amigos da vítima.

Faltaban minutos para as 17.45 horas cando os xestores do 112 recibiron a chamada de Urxencias Sanitarias-061 na que alertaban, ademais, de que a situación parecía grave. No dispositivo participaron, alén dos propios servizos sanitarios, os axentes da Garda Civil e os efectivos do GES de Padrón. Informouse tamén á Policía Local, o Servizo Municipal e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do municipio.

A Garda Civil investiga agora as circunstancias que arrodean o suceso para tentar aclarar o ocorrido. Para iso, tomarán declaración ás testemuñas co obxectivo de poder determinar se se trata ou non dun accidente. As dilixencias, unha vez finalizadas, remitiranse ao xulgado correspondente.

Un agosto marcado pola sinistralidade laboral

Este mes de agosto vén marcado na Galiza polos accidentes laborais, pois ademais do suceso desta terza feira producíronse outros tres accidentes de natureza similar nas últimas tres semanas. Así, o pasado 6 de agosto un operario falecía en Lugo ao caerlle unha árbore enriba mentres traballaba nunha zona de monte, na parroquia de Camoira.

En Santiago de Compostela, unha semana despois, outro operario falecía após precipitarse desde o tellado dunha nave do Polígono do Tambre, en Santiago de Compostela, cunha caída de máis de 10 metros.

Por último, un traballador falecía o pasado 14 de agosto en Pontevedra após sufrir unha caída desde unha altura duns 20 metros cando se atopaba realizando tarefas nunha nave situada no lugar de Pazos, en Marcón.