As mulleres do mundo lusófono unen forzas contra a desigualdade

Representantes de organizacións sindicais de diferentes países da lusofonía citáronse esta sexta feira en Santiago convidadas pola CIG. (Foto: Nós Diario)
Este sábado decorre en Compostela o Encontro do Secretariado de Mulleres da Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa (CSPLP), que por primeira vez ten lugar nun país que non ten recoñecido un Estado propio. Neste contexto, desenvolveuse esta sexta feira o seminario internacional Implantación da igualdade a través da negociación colectiva e no contexto global, no que diversas relatoras de varios países puxeron en común estratexias para mellorar a situación das mulleres no mundo laboral. A CIG é a anfitrioa do encontro entre centrais sindicais de lingua galega e portuguesa

A CIG foi esta sexta feira a organización anfitrioa do seminario internacional Implantación da igualdade a través da negociación colectiva e no contexto global no marco do Encontro do Secretariado de Mulleres da Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa (CSPLP), que terá lugar este sábado en Santiago de Compostela e por primeira vez na Galiza. Así, danse cita os sindicatos integrantes da CSPLP, unha organización na que están presentes as principais centrais sindicais de Portugal, o Brasil, Angola, Cabo Verde, Mozambique, São Tomé e Príncipe, Guiné Bissau, Timor Leste e a Galiza.

O seminario comezou co saúdo do secretario xeral da CIG, Paulo Carril. "É para nós unha honra recibir todas estas delegacións e estamos especialmente agradecidos da vosa asistencia por ser a primeira vez que un encontro destas características decorre nunha nación das que formamos parte da CSPLP e que non ten recoñecido Estado proprio", manifestou. "Desexamos que este seminario, e o encontro deste sábado, sexan do maior proveito, que constitúan un paso avante para construír un mundo mellor, polas experiencias que se poidan achegar, para camiñar a novos encontros no futuro e para aumentar a enorme forza que representa o sindicalismo e o feminismo", concluíu Carril.

É a primeira vez que un encontro da Confederação ten lugar nun país que non conta cun Estado propio recoñecido 

A continuación tivo lugar a primeira disertación, a cargo de Nicolasa Castro, secretaria das Mulleres da CIG, baixo o titulo Plans de Igualdade na negociación colectiva. Despois dunha análise das múltiples fendas que padecen as mulleres galegas no plano laboral, Castro afirmou que a CIG traballará para que "en todos os convenios de empresa e sectoriais se estenda a obriga de negociar plans de igualdade co fin de abrir unha nova canle de acción sindical".

"Os plans de igualdade deben ser unha oportunidade para introducir melloras que non fomos quen de introducir no convenio ou acordo de empresa, pois na fase de diagnose permite detectar discriminacións e pór medidas correctoras", sinalou. Por tanto, segundo engadiu Castro, "son unha ferramenta sindical para a transformación e mellora das condicións laborais". Neste sentido, afirmou que son precisos avances nos dereitos en tres vertentes, a comezar por facetas como a violencia no traballo, a valorización dos traballos feminizados, a fenda salarial ou os dereitos relativos á conciliación. En segundo termo no protagonismo crecente da centrais sindicais nos conflitos en sectores feminizados. E por último, na introdución do pensamento feminista dentro da loita sindical.

Precisamente os plans de igualdade e a necesidade de avances feministas no marco do sindicalismo seguiron tendo protagonismo na xornada, xa que as teses defendidas por Castro foron tamén tratadas polas responsábeis da área de Mulher da CUT do Brasil, Amanda Corcino, e da Comissão de Igualdade da CGTP de Portugal, Andrea Araujo, que engadiron unha perspectiva desde os seus países na mesa de debate Plans de igualdade para as mulleres no traballo en Portugal e no Brasil.

Antes, a profesora honoraria da Universidade da Coruña (UDC) e escritora María do Pilar García Negro, nunha conferencia titulada A das mulleres galegas: unha historia distintiva, destacou a existencia na intelectualidade e nas escritoras de comezos do século XX na Galiza "do pensamento máis avanzado e dunha auténtica modernidade na defensa do progreso real para as mulleres e máis concretamente para as da clase traballadora".

Ademais, Carmen Montero Ferrer, profesora axudante doutora da área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), impartiu a conferencia A violencia sexual e de xénero contra as traballadoras do mar: o sistema da Organización Internacional do Traballo (OIT), na que centrou o discurso sobre dous sectores de importancia histórica na Galiza.

Para finalizar, tivo lugar a mesa redonda A situación laboral das mulleres nos países da CSPLP, na que Joaquina Almeida (da UNTC-CS de Cabo Verde, e membro do Consello de Administración da OIT), Clara Munguambe (da OTM de Moçambique), Cristina Trony (da UGT de Portugal), María Edna Ferreira de Medeiros (da UGT do Brasil) e Eduarda Miranda Branco (da KSTL de Timor Leste) analizaron a situación das mulleres nos seus países.

A unión internacional

Joaquina Almeida, en declaracións a Nós Diario, destaca que as condicións de traballo das mulleres en Cabo Verde "non avanzaron positivamente nos últimos anos, pois continúa habendo unha discriminación salarial moi grande mesmo ocupando a mesma categoría laboral". Ademais, engade, "as mulleres seguen a ser vítimas dun asedio psicolóxico e sexual".

A caboverdiana Joaquina Almeida foi nomeada membro do comité de administración da Organización Internacional do Traballo

Ademais, a caboverdiana é consciente da gran responsabilidade que supón o seu novo cargo na OIT. "Non só estou representando as mulleres do meu país, senón tamén todas as de África e do mundo. A OIT promove políticas que axudan as mulleres a sobrepasar a precariedade laboral, a conseguir a igualdade e a ter un salario digno. É un desafío moi grande ocupar o meu posto e fágoo con moita humildade. Vou traballar para que teñan prioridade mulleres loitadoras como as do rural ou as de familias monoparentais", explica.

Essame Samara dos Ramos e Juvênia Anastácia de Castro Diogo, sindicalistas de São Tomé e Príncipe, en conversa con Nós Diario, explican que "nestes últimos anos a situación laboral das mulleres do seu país non é fácil, tendo en conta que moitas se encontran na mercado de traballo informal sen protección social e sen dereito a convenios".

"A materia máis importante na cuestión de xénero é aumentar a participación das mulleres no mercado de traballo e reducir a disparidade de xénero en termos salariais, de rendementos e de pensións para combater a pobreza entre as mulleres", explican ambas as sindicalistas.

Por outra parte, para Almeida, a unión e as relacións entre organizacións de diferentes países son "de grande importancia". "Seguramente de aquí vai saír unha resolución en base ao que discutimos sobre a mellor forma de resolver os problemas laborais femininos, e iso vai axudar  non só as mulleres aquí presentes, senón as de todos os países representados", di. "As nosas conclusións poderán ser implementadas nos sindicatos e talvez presentadas ante os Gobernos e as institucións que representan as mulleres nos países", engade. Coinciden as sindicalistas de São Tomé e Príncipe, que destacan tamén a importancia de "organizar as mulleres loitadoras para crear a rede das mulleres dos sindicatos no marco da Confederação Sindical dos Países de Língua Portuguesa".