Unha multitude completa unha cadea humana polo futuro de Ferrol

Cadea humana nas Pías / S. Bermello

As dúas puntas da Ponte das Pías quedaron unidas por dous milleiros de persoas que acompañaron a convocatoria da CIG para denunciar a “emerxencia social” que vive a comarca e que finalizou cunha botadura simbólica de dous buques.

 

Centos de persoas uniron de forma completa as dúas puntas da Ponte das Pías en Ferrol, onde malia a chuvia a convocatoria da CIG deste acto en defensa do futuro da comarca resultou un enorme suceso, que rematou cunha botadora simbólica de dous barcos á ría, en reivindicación do dereito ao traballo no Naval, principal sector dunha zona que acumula enormes cifras de desemprego. 

“Amarra o teu Futuro", foi o lema da concentración, que xuntou a unhas 2.000 persoas. Segundo Xesús López Pintos, da central nacionalista, ·”con esta iniciativa queremos denunciar a situación de emerxencia social que sofre a comarca e xuntar as dúas beiras da Ría onde hai estaleiros públicos". 

Así, durante a mobilización, o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, puxo o acento na "desindustrialización e deterioro económico, social e laboral que padece a comarca, unha das máis castigadas de Galiza!. Ademais, engadiu, "é un claro exemplo das nefastas consecuencias que para o noso país tiveron as políticas económicas que proveñen tanto da UE como do Goberno español", ás que sumou a "actitude de abandono e entreguismo da Xunta de Galiza".

Á cadea humana acudiron representantes políticos como o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, o parlamentar da mesma formación, Francisco Jorquera, ou a vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz.