"Non chegando a todos os obxectivos, a reforma recupera dereitos"
—UXT, xunto con CCOO, o Goberno español e a patronal, vén de alcanzar un acordo para modificar o marco normativo en materia laboral. Que aspecto destacaría desta reforma?
O principal é que a reforma laboral recupera dereitos e que para nós sen dúbida ten valor porque se dá con consenso. Hai que ter en conta que, das últimas reformas que se fixeron, só esta e a de 2006 foron con consenso.
Para a Galiza e para o conxunto do Estado, a recuperación da prevalencia do convenio de sector sobre o de empresa é fundamental. Realmente iso foi o que provocou o deterioro das relacións laborais e unha tremenda desvalorización salarial. Xunto a isto, a recuperación da ultraactividade dos convenios colectivos, é dicir, que estes non venzan e queden ao pairo os dereitos dos traballadores e das traballadoras, é igualmente fundamental.
Cremos tamén firmemente que con esta reforma vaise impulsar a loita contra a temporalidade, na que estamos inmersos. Co reforzo da contratación indefinida vaise avanzar na estabilidade do emprego.
—Mais estamos a falar dunha reforma, e non dunha derrogación, como exixían inicialmente.
Sen dúbida é un acordo que non cumpre todos os obxectivos que nós tíñamos marcados, pero é un acordo que se enmarca dentro do consenso. Imos ter que seguir loitando e falando, porque quedaron cousas no tinteiro, iso non se lle escapa a ninguén.
—Que sectores se verán máis beneficiados polo novo texto?
Fundamentalmente o sector servizos. Quizais un dos logros máis importantes é que na externalización de servizos que se produce nas empresas, a partir de agora quedará baixo o convenio de referencia de sector da actividade principal.
Unha firma que traballa noutra empresa cun servizo estabilizado, até o de agora e coa reforma laboral do PP, o que se lle implantaba era un convenio de empresa ao persoal, loxicamente cunhas condicións moito máis desvalorizadas. A partir de agora estarán amparadas polo convenio de referencia da actividade que desenvolven, con independencia do obxectivo social e forma xurídica da empresa, o que supón un importante golpe a fenómenos precarizadores como o das empresas multiservizos.
—Cales son esas cuestións que quedaron no tinteiro?
Temos que seguir traballando por mellorar a indemnización por despedimento ou o control administrativo dos expedientes de regulación de emprego, os salarios de tramitación e algunhas cousas máis. Sabemos que isto é difícil, pero loxicamente hai que pór en valor o contexto político de crispación total no que estamos actualmente. Non chegando a todos os obxectivos, a reforma recupera dereitos.
Creo que fixemos un acordo en boa fe, en sintonía e que entendemos que agora debería validarse no Congreso dos Deputados porque se alguén ten que dicir algo nas relacións laborais somos as organizacións sindicais e os empresarios.
—Son optimistas á hora de avanzar nos temas pendentes?
Vai ser moi difícil consensualo e acordalo coa patronal, porque realmente se negan totalmente a falar disto, pero nós imos seguir intentándoo. Son cuestións que estamos convencidos de que imos ter que abordar co Executivo e seguramente de maneira inmediata sexa difícil. Queda camiño por avanzar e nós imos seguir loitando por dar novos pasos, porque é o noso papel e a nosa obriga.