Novo accidente laboral: falece un traballador nunha canteira de Mondoñedo tras precipitarse cunha máquina por un desnivel

Unha ambulancia do servizo de emerxencias 061 da Galiza. (Foto: Nós Diario).
Cando chegou ao lugar, o persoal sanitario só puido confirmar o falecemento.

Un traballador dunha canteira de Mondoñedo, na comarca da Mariña, faleceu esta terza feira após precipitarse por un desnivel cando manexaba unha máquina, segundo veñen de confirmar fontes da central de emerxencias do 112-Galiza.

O sinistro laboral tivo lugar na parroquia de Vilamor e a alerta saltou pouco despois das 16 horas. Foi un particular quen contactou con Emerxencias para informar do sucedido e, xa desde o primeiro momento, apuntou á posibilidade de que o traballador, J.C.S., de 52 anos de idade, estivese xa falecido.

Os xestores do 112-Galiza informaron do suceso a Urxencias Sanitarias, Bombeiros, Garda Civil e Protección Civil de Mondoñedo. Cando chegou ao lugar, o persoal sanitario só puido confirmar o falecemento, mentres que os bombeiros colaboraron na estabilización da máquina, xa que quedara nunha posición complicada.

Os efectivos sanitarios, aliás, atenderon no punto outro traballador, J.J.F.V., de 56 anos de idade, que tivo que ser trasladado ao Hospital Público da Mariña por mor do accidente.