UN ANO DE CONFLITO

"Os novos propietarios de Freiremar buscaban botarnos a todos á rúa"

Asemblea Freiremar

Audiencia Nacional tombou o ERE da pesqueira que despediu 101 traballador@s en Galiza. Falamos con Miguel García, delegado da CIG, da sentenza e destes meses de mobilizacións.

 

A Audiencia Nacional española declarou nulo o Expediente de Regulación de Emprego (ERE) extintivo que supuxo o despedimento da práctica totalidade do cadro de persoal da empresa galega Freiremar, a cuarta pesqueira do Estado español. A decisión supuxo o despedimento no conxunto do Estado de 300 traballadores, 101 deles en Galiza. A resolución xudicial establece que as negociacións foron “de mala fe” e que a información económica facilitada pola dirección foi “escasa e incompleta”. E estabelece a readmisión dos traballadores e traballadoras.

- Agardabades unha sentenza tan ‘favorábel’ da Audiencia Nacional?

- Pois si. Xa desde o momento en que acabou o período de negociacións tiñamos esperanza na vía xudicial. Foi moi importante a cuestión de que ficase demostrada a existencia de irregularidades no grupo de empresas, que estabamos nun grupo que non só de adicaba ao peixe e que aí había todo un sarillo de firmas adicadas a outras cuestións, inmobiliarias...

"Non sabemos nin o que pensa a empresa porque non se puxo en contacto con nós, non sabemos nin se pensan en recorrer a sentenza"

Eu penso que procuraban un despedimento colectivo, botarnos a todos. Hai tres anos tomaron o mando da empresa os fillos e estaban interesados noutra cousa e non no peixe precisamente.

- A resolución da Audiencia Nacional fala ben clariño de readmisión dos e das traballadoras...

- Esa foi sempre a nosa intención desde o primeiro momento, volver traballar. Mais sendo realistas...é difícil. A factoría, a maquinaria,... levan un ano paradas; descoñecemos se hai materia prima para volver poñernos en marcha...Non sabemos nin o que pensa a empresa porque non se puxo en contacto con nós, non sabemos nin se pensan en recorrer a sentenza. Para a vindeira semana tentaremos ter unha conversa co administrador concursal.

- Como se chegou a esta situación no que era a cuarta pesqueira no Estado español, con factorías en diversas zonas, frota propia?

- Como xa dixen antes, creo que a esa situación chegouse a propósito por parte da dirección da empresa a base de ir descapitalizando, de deixar ir clientes importantes... Un exemplo, nós servíamos a varias prisións en Galiza, contratos de algúns millóns de euros. E dun ano para outro deixaron de se presentar ao concurso. Dun día para outro dísenos (e sen información ningunha de por que) que non imos seguir servindo a unha importante cadea... Non entendiamos nada. Creo que aos propietarios non lles interesaba nada a fase de elaboración do peixe e que só querían pescar e vender, que é o que dá diñeiro.

- Durante todos estes meses o cadro de persoal mantivo unha dinámica de mobilizacións, de unidade...

Foi algo moi importante. Nos primeiros dous meses eran concentracións e manifestacións constantes ante a empresa, xuntanzas e reunións con institucións, ir a Inspección de Traballo... Logramos que este conflito tivese relevancia. E iso é importante porque eramos 90 despedidos e esa cifra non é tan grande nestes tempos, hai moitas empresas nesa situación. Mais logramos que os medios nos prestasen atención. Tamén é certo que a empresa, ao botarnos á rúa e sen nos pagar un peso, non deixaba ningunha outra vía que a mobilización. E aí estivemos todos unidos.