Parálise no Porto de Vigo durante as primeiras xornadas de greve na estiba

(Foto: Autoridade Portuaria de Vigo)

A segunda xornada de folga na estiba transcorreu sen incidentes no Porto de Vigo, cun seguimento total por parte dos 108 traballadores e traballadoras da cidade, o maior cadro de persoal das cinco autoridades portuarias do país.

Unha normalidade que reflectiu, porén, a parálise dos labores durante os días de paros programados, cunha actividade de mínimos, e o conseguinte transvasamento de carga para os días operativos. Dúas xornadas sen avances nas negociacións colectivas, segundo as forzas sindicais, despois de meses de conflito laboral pola liberalización do sector. 

 

Así, este 7 de xuño só descargou un porta-contedores da navieira Hapag-Lloyd, que estivo máis de oito horas no peirao de Guixar para completar a estiba de123 contedores. Estaban convocados 43 empregados que traballaron, como se estaba previsto, durante as horas impares, e realizaron paros nos propios postos de traballo durante as horas pares. Hai só dous meses, esta mesma empresa decidira trasladar oito escalas a Portugal durante os avisos iniciais dunha posíbel folga.

 

A maioría de compañías armadoras apostou por sortear a protesta atrasando un día a súa chegada a Vigo.

 

Pola contra, a maioría de compañías armadoras apostou por sortear a protesta atrasando un día a súa chegada a Vigo. Unha decisión que prevé certa acumulación para este 8 de xuño, cun total de seis buques, nunha xornada non afectada pola protesta. O mesmo ocorreu durante esta segunda feira, o primeiro de greve, cun seguimento total dos 94 traballadores convocados, rexistrando unha actividade de tres barcos, mentres outros catro porta-contedores fondeaban nas Illas Cíes á espera de que rematase o día.

 

Similares situacións viviron as outras autoridades portuarias galegas (A Coruña, Marín-Pontevedra, Vilagarcía e Ferrol-San Cibrao) con baixa e lenta actividade durante as xornadas de paro. Portos do Estado, organismo dependente do Ministerio de Fomento, cifrou o seguimento a nível estatal en 99,3 por cento do sector, aínda que celebra un aumento do tráfico. A protesta continuará este 9 de xuño.

 

A crise previa do porto vigués

 

Para a Autoridade Portuaria de Vigo, o conflito está a provocar trastornos económicos. “Se continúan as folgas haberá desvíos de buques e acumulación de descargas”, asegurou o seu presidente Enrique López Veiga, do PP, que dixo descoñecer se algunha empresa cambiou de ruta ante os paros desta semana, segundo declaracións recollidas por axencias. 

 

Unha posición que a Marea de Vigo rexeitou previamente no pleno municipal. “Están a converter á estiba nun chivo expiatorio”, criticou o edil Xosé Lois Jácome, durante a presentación dunha moción de apoio ás reivindicacións do sector, en que defendeu que a perda de negocio do porto da cidade olívica “non garda relación co conflito”. 

 

En febreiro, a caída total de mercancías foi superior o 4% respecto do ano anterior, do 14% en marzo e do 8% en abril.

Os números amosan unha importante baixada na actividade durante o presente curso. En febreiro, a caída total de mercancías descargadas foi superior a 4% respecto do ano anterior, de 14% en marzo e de 8% en abril. Unha caída que supón a perda de 14.000 toneladas, provocada polo desvío de numerosas escalas regulares cara outros portos.

Pola súa banda, o grupo municipal do BNG denunciou nos últimos días a marxinación do Porto de Vigo e o “esmorecemento” das súas actividades, durante unha reunión co Comité de Empresa da Autoridade Portuaria. “Nós sempre entendemos que o futuro de Vigo pasa tamén polo porto, tanto en tránsito de mercadorías, como de pesca, para o que é indispensábel dotalo das infraestruturas necesarias”, afirmou o responsable local Serafín Otero, que criticou que a “violencia política” entre PSOE e PP se traslade nun enfrontamento institucional continuo entre Concello e Xunta, “por motivos partidistas”.