O Parlamento debaterá a terza feira a ILP da CIG polo emprego, avalada por 31.000 sinaturas

Marchas polo emprego da CIG en diversos puntos do país

O secretario xeral da central nacionalista, Suso Seixo, defenderá no pleno da Cámara a iniciativa que recolle 100 medidas para promover o medre económico e o traballo.

A vindeira terza feira o Parlamento de Galiza debaterá a Iniciativa lexislativa Popular (ILP) polo emprego presentada pola CIG e que chega á Cámara galega após recabar máis de 31.000 sinaturas (máis do duplo do necesario) e o apoio de concellos, comités de empresas e diversos colectivos e plataformas.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, defenderá nestas ILP na que se recollen 100 medidas para promover o crecemento económico e a creación de emprego en Galiza. “Deste xeito, a central sindical consegue que o que hoxe é un dos principais problemas das galegas e galegos: o desemprego, pase ao primeiro plano do debate institucional no Parlamento, que é quen pode, e debe, adoptar medidas para darlle unha solución”.

A intención do sindicato nacionalista con esta proposta “era abrir un amplo debate social e político sobre a gravísima situación xerada pola crise económica e as políticas neoliberais adoptadas. Políticas que lonxe de xerar emprego provocaron a súa masiva destrución, o deterioro das condicións laborais e de vida da clase traballadora, o empobrecemento e a exclusión social de miles de desempregados/as e a expulsión de Galiza de miles de mozos e mozas que se viron abocados a emigrar para atopar un posto de traballo”.

100 medidas

A ILP recolle un total de 100 medidas en materia fiscal, financeira, laboral, social, enerxética ou industrial, entre outras, que considera imprescindíbeis para recuperar a actividade dos nosos sectores produtivos e que se cree emprego digno no país.

A maior parte delas demostran, indica o sindicato, que si é posíbel facer outras políticas que sexan realmente xeradoras de emprego e para a súa posta en práctica teñen competencias o Parlamento de Galiza e máis o Goberno galego. Porén para adoptar outras medidas, as competencias residen no Congreso ou dependen do goberno español..