O paro rexistrado en abril baixa en Galiza a un ritmo menor que no Estado

En abril o número de persoas rexistradas nas oficinas de emprego descendeu en 3.644, o 1,57%, porcentaxe inferior ao descenso medio estatal, que foi do 2,04%. O 52,4% das persoas no paro en Galiza non perceben prestación.

O número de persoas rexistradas no desemprego en Galiza descendeu en 3.644 no mes de abril. Un dato que hai que atemperar poñéndoo en relación con outros dous: a baixada de desempregados no noso país é menor que no resto do Estado, e, embora a incorporación en abril de xente ao mercado laboral, seguimos a destruír emprego. Hai 228.153 persoas inscritas no paro no noso país.

No mes de abril o desemprego baixou en Galiza un 1,57%, o que é medio punto menos que na media estatal (2,04%). Só Asturies, Canarias, Valencia, Euskadi e Melilla teñen peor rexistro que Galiza. Se atendemos á evolución interanual, de abril de 2015 a abril de 2016, comprobamos que o número de persoas rexistradas no desemprego reduciuse en Galiza nun 6,79%. De novo, un comportamento peor que o experimentado a nivel estatal nestes doce meses, pois a baixada foi do 7,43%.

Afiliacións

Temos, ademais, que en abril houbo 3.644 persoas que abandonaron o paro rexistrado, mais nese mes as afiliacións á Seguridade Social aumentou en 2.808 persoas, un 0,30%. Volvemos á comparativa interanual e comprobamos que de abrol 2015 a abriul 2016 houno na SS 13.898 altas, cando nese mesmo período deixaron as listaxes de desemprego 16.608 persoas.

Foi abril un mes no que se rexistraron 67.941 contratos laborais, dos cales a inmensa maioría (62.051) son temporais e só o 4%, 5.890 contratos, indefinidos.