O paro rexistrado descende en abril en 5.427 persoas en Galiza

O desemprego descende no nosom país 2,57%, un punto menos que a media española.

O paro rexistrado en abril descendeu en Galiza en 5.427 persoas, un descenso marcado pola estacionalidade (unha semana santa de afluencia masiva de turistas) e a temporalidade dos contratos. O desemprego baixou en Galiza 2,57%, o que é case un punto menos que o que descendeu de media no estado español nese mes, que foi 3,5%.

A baixada no paro rexistrado deuse en todos os sectores se ben o de servizos é o que leva a maior parte do pastel: nel baixaron 3.748 dos 5.427 parados menos que hai nese mes. Nos contratos rexistrados, asináronse en abril algo máis de 74.000, a maioría temporais (perto de 68.000) fronte aos 6.000 indefinidos.

Se ollamos a comparativa interanual, o descenso no desemprego foi en Galiza de 23.524 persoas, un 10,3% menos, unha porcentaxe levemente inferior á media española (-10,7%).

No que atinxe á afiliación da Seguridade Social, son 964.468 as persoas inscritas, das cales 214.766 corresponden ao réxime de autónomos. A afiliación aumentou en abril nun 0,56% (no estado foi do 1,18%).