O paro rexistrado descende en febreiro en Galiza en 154 persoas e sitúase en 211.924 inscritos

A afiliación á Seguridade Social aumentou nese mes en 2.816 persoas, un 0,3% máis que en xaneiro. O incremento na filiación no noso país mantense por baixo do ritmo estatal.

O paro rexistrado en Galiza descendeu en 154 persoas no mes de febreiro, situándose o número de inscritas en 211.924. Unha baixada de 0.07%, por baixo da media estatal (foi un descenso do 0,2). En termos interanuais, o paro rexistrado baixou en 23.344 persoas, dándose aquí un mellor comportamento que a media española: nestes 12 meses o desemprego rexistrado baixou en Galiza un 9,9% fronte ao 9,7% do estado. O desemprego rexistrado descendeu en sectores como agricultura (100 persoas paradas menos), construción (-228) e servizos (-61), aumentando en industria (60 desempregados máis) e no colectivo de sen emprego anterior, onde aumentou en 235 inscritos.

No que atinxe a afiliacións á Seguridade Social, os datos do Ministerio de Emprego recollen que o aumento de inscritos en Galiza é, tanto ca comparativa mensual como interanual, a un ritmo menor que o estado. En febreiro a S.S. incrementouse en Galiza en 2.816 persoas, o que supón un 0,3% máis. No estado a suba nese mes foi do 0,4%. Maior fenda atopamos na comparación do comportamento das afiliacións entre febreiro de 2016 e ese mes do presente ano: mentres que en Galiza a porcentaxe de afiliados incrementou nun 1,9% no estado español foi de case o 3,4%.

Galiza continúa en rexistros de afiliación á Seguridade Social por baixo dos que tiña en 2010, un dos anos máis duros da gran recesión, mentres que o estado español xa supera hoxe en día os afiliados que tiña naquela altura.

O panorama do mercado laboral continúa marcado polo alto índice de contratación temporal. Dos máis de 62.000 contratos asinados en febreiro en Galiza apenas 6.300 foron indefinidos, sendo a inmensa maioría, por volta dun 90%, temporais. Non en van, Galiza ten canda Polonia unha das taxas de temporalidade máis altas de Europa.